Partido Popular de Lugo

O PP de Lourenzá detecta importantes erros no inventario de camiños municipais presentado pola alcaldesa

LOURENZÁ, 24 de novembro de 2017.- O PP de Lourenzá insta ao Goberno local a “abandonar a vagancia que ten” e proceda no menor tempo posible á revisión do inventario de camiños de titularidade municipal, que a alcaldesa levou ao Pleno, pero que tivo que retirar da Orde do Día, logo de que o Grupo Municipal Popular detectase importantes erros no mesmo.

É o caso da antiga nacional que dá acceso á localidade de Arroxo, e que foi cedida polo ministerio de Fomento á entidade local, pero que, por mor da inacción dos actuais dirixentes, no citado inventario aínda figura como unha vía estatal. O mesmo acontece, por exemplo, coas pistas forestais ou camiños de monte, que non figuran no documento que os socialistas pretendían aprobar na sesión plenaria.

Cómpre lembrar que o inventario de camiños quedou contratado polo anterior goberno do Partido Popular, para os cales era sumamente importante que recollera todos as vías de titularidade municipal, incluídos os camiños de monte ou pistas forestais a fin de proceder posteriormente a súa conservación e mantemento. O feito de que o inventario presentado non os recolla, consideran que “é unha decisión política errónea, desacertada e que vai en contra do que se considera o bo funcionamento do Concello”, precisan.

A terceira vez que retira un asunto do Pleno

Cabe sinalar, ademais, que esta foi a terceira ocasión que o Goberno local somete un asunto ao Pleno para a súa aprobación, e que ten que ser retirado porque o PP detecta serias deficiencias no mesmo. Desta volta, o motivo da retirada é porque o inventario nin está actualizado, nin inclúe vías que son de titularidade municipal.

 

“Cremos que estamos ante unha nova deixación de funcións, ante un Goberno que con falta de rigor na súa xestión”. Por este motivo, indican dende o PP, “pedímoslle, unha vez máis, á alcaldesa que se centre e se poña a traballar en serio”. E é que, segundo explican, “non pode ser que xa vaian tres veces que nos presentan un asunto que despois ten que ser retirado porque non o teñen claro ou polos erros detectados pola oposición”. Neste senso, consideran que “o lamentable é que teñan a desfachatez de levalos ao Pleno sen facer antes traballo previo de revisalo, algo que non fixeron. Non se molestaron nin en lelo, xa que non se entende que revisándoo, o presentaran nestas condicións. Se tivesen vergoña, deixarían de presentar chapuzas en Pleno que despois hai que retirar para un estudo posterior. Isto podía entenderse se presentaran un número elevado de iniciativas, pero dáse a casualidade de que, neste caso, ao igual que nos dous anteriores, era o único asunto, fóra dos ordinarios que levaban á sesión”, remarcan.