LUGO, 23 de novembro de 2017.- O PP provincial e local emprenderán unha estratexia conxunta pola defensa do AVE a Lugo. Así o anunciaron este xoves os voceiros do Grupo Provincial e Municipal, Elena Candia e Antonio Ameijide, quenes deron conta da iniciativa conxunta que ambas as dúas agrupacións presentarán tanto no Pleno da Deputación, como no do Concello de Lugo.
Os populares explicaron que se trata da primeira das iniciativas que levarán a cabo no marco desta programación estratéxica, pois a Alta Velocidade a Lugo “é e debe de ser unha prioriade”. “Así o entendemos dende o Partido Popular e así o entendemos dende a perspectiva que nos dá ser veciños de Lugo e desta provincia. Por iso, pediremos que o Goberno Central materialice o compromiso real de que a nosa provincia figure no mapa da alta velocidade española porque Lugo non pode quedar sen AVE”, explicou Elena Candia.
Os populares agardan así contar co apoio de todos os grupos políticos, porque a chegada do AVE ten, ademais, unha repercusión directa no reequilibrio territorial. “Que a nosa provincia quede comunicada co resto da Comunidade e coa Meseta a través da alta velocidade, cremos que é unha oportunidade que non podemos desaproveitar”, precisou.
Dende o Partido Popular toman así a dianteira, co fin de acadar un pacto e un compromiso conxunto tanto na Deputación, como no Concello, que permita aunar esta estratexia; “unha estratexia, en definitiva, que vaia máis alá da vontade política do noso grupo”, tal e como o propio presidente da Xunta lle trasladou á alcaldesa desta cidade na reunión que mantiveron ambos os dous dirixentes no pasado mes de febreiro. “Cremos que ninguén pode descolgarse deste acordo. Facelo sería unha irresponsabilidade política”, apuntou Candia.
Pola súa bana, Antonio Ameijide defendeu “a idoneidade de presentar, neste momento, esta proposición” coa que se “desmontan as afirmacións daqueles que acusan ao PP de abandonar este proxecto”. “Proba de que o compromiso segue vivo é esta iniciativa conxunta na que se implica a todas as administracións e, por iso, é preciso un consenso político sen fisuras” reflexionou.
O popular explicou que “Lugo ten que estar conectado con alta velocidade a Madrid, hai vontade política para que non quedemos fóra deste proxecto” engadindo que “queremos que haxa un pacto para impulsar esta infraestructura irrenunciable para nosa cidade”.
“Confiamos en que esta proposición conte co apoio unánime de toda a corporación” puntualizando que “supón un respaldo ao traballo silencioso, que moitas veces nin se visualiza nin se coñece, pero que si está facendo e promovendo dende o goberno do PP” resumiu o voceiro popular.
Continuidade ao traballo feito polo PP
Este acordo que propoñen os populares daría continuidade ao traballo –“moitas veces en silencio”- que están a realizar os gobernos do Partido Popular. Respecto deste asunto, a voceira do PP na Deputación subliñou que, como Partido, “somos os primeiros que queremos que o AVE chegue a Lugo, pero tamén temos que recoñecer publicamente que se están a levar a cabo importantes avances que amosan, por unha banda, a vontade política do Goberno e, pola outra, a capacidade do Executivo estatal de traducir os compromisos en feitos, grazas á execución dunha xestión administrativa e económica, cuxo resultado son as obras que se están a levar a cabo nos distintos treitos”.
Por citar algúns dos exemplos máis recentes que clarifican este compromiso do PP, Elena Candia citou que en agosto deste mesmo ano, o ministro de Fomento, nunha visita a Galicia, e logo dunha reunión con Alberto Núñez Feijóo, ratificou publicamente o compromiso do presidente Rajoy de facer efectiva e real a chegada do AVE á Galicia en 2019 (ao estar todos os treitos en obras, situándonos así como a Comunidade con todo o trazado desbloqueado).
Froito deste notable interese, o ministro, na mesma data, trasladou a intención do seu departamento de seguir avanzando no proxecto. Por outra banda, a recente reforma do plan de Fomento e ADIF para o novo acceso ferroviario de alta velocidade (consistente en aumentar considerablemente os treitos de doble vía entre Zamora e Taboadela -lugar moi próximo a Ourense-), inclúe a dotación de doble vía á maioría do trazado.
“Son pasos relevantes como dicía; non son propostas, son feitos… Con todo, dende o Partido Popular de Lugo non nos conformamos porque, ademais e así creo que nolo demandan os veciños, temos que ser os primeiros en que se garanta que así sexa”, conclúe a voceira na Deputación.