LÁNCARA, 21 de novembro de 2017.- O PP de Láncara esixe ao Goberno local que realice un inventario dos puntos de luz pública existentes no municipio con deficiencias no funcionamento e que demande á empresa encargada do subministro o cumprimento do contrato asinado coa entidade local para a prestación desta servizo.
Os populares explican que fan esta petición “porque foron moitos os veciños que nos trasladaron nos últimos días as súas queixas sobre os continuos cortes no alumeado”. Concretamente, e así o queren facer constar dende este grupo municipal, estas interrupcións “van máis aló do casco urbano de A Pobra”. Proba delo, apunta o voceiro deste formación política neste municipio, Santiago Cubillas, é que, os lugares de Carracedo e de Toirán, permaneceron, respectivamente, quince días e un mes sen este servizo.
Asemade, na capitalidade do municipio, na rúa das moblerías as farolas o mesmo están acendidas de día que noite e, na rúa Castelao, o cadro está aberto; o que provoca que aumente o risco de avarías ou a posibilidade de que se xere un curtocircuíto.
Descontrol pola xestión do Goberno
Os populares atribúen este descontrol no subministro á xestión do Goberno local, pois os actuais dirixentes tan só levan dous anos e medio á fronte do Concello e xa adxudicaron este servizo a tres empresas distintas.
Para o PP “esta inestabilidade que se demostra con tanto contrato” pode ser a causa de que “hoxe teñamos que lamentar esta situación, e de que o alumeado, que se presupón que é un servizo básico nas aldeas, sexa escaso e diste moito de como debería funcionar”, conclúen.