LOURENZÁ, 17 de novembro do 2017.- O PP de Lourenzá demandou ao Concello o arranxo inmediato do socavón existente no núcleo de Arroxo, situado, concretamente, na primeira intersección a man a man dereita da entrada do pobo.
Os populares fixeron esta petición ao Goberno local, primeiro, porque esta fochanca está a causar “serias” dificultades na circulación dos vehículos e, segundo, logo de constatar que a alcaldesa “non fixese nada”, a pesares de que hai catro meses foron os veciños os que solicitaron na Casa Consistorial a súa reparación.
Precisamente, “esta parálise na actitude do Goberno provocou que fosen os cidadáns os que co seu esforzo se visen obrigados a rechear a fochanca para poder transitar pola vía, pois existen tamén numerosas queixas de taxistas e panadeiros que a cotío transitan pola mesma e que “cada vez teñen máis problemas para pasar por ela”, aseguran dende o PP.
O pobo a escuras
Os populares tamén esixiron na sesión plenaria celebrada a última hora do día de onte, o reaxuste de todos os reloxos dos puntos de luz a fin de que se axusten ás necesidades de iluminación propias dunha rúa dun pobo do século XXI. Esta petición resposta “á falla de previsión sen precedentes que están a demostrar os gobernantes do Concello”, pois estes “non foron capaces de adiantarse” ao efecto que produce o cambio horario, neste caso o retraso da hora realizado na madrugada do domingo 28 de outubro, conseguindo que, por terceiro ano consecutivo, houbese un desaxuste entre as horas de acendido e apagado dos alumeados públicos.
“O primeiro ano ben puido ser un descoñecemento, o segundo por despiste e, o terceiro, non pode ser considerado menos que pola desidia por parte dun equipo de goberno que está anclado nun pasotismo constante”. “Sen ir máis lonxe, precisan, o pasado luns 13 de novembro, fomos testemuñas de que a coñecida Avenida do Val estaba totalmente sen luz”.
Neste senso, os populares tamén pediron ao equipo de goberno que execute a Lei de Prevención de Incendios vixente nas franxas de protección de vivendas ailladas e de núcleos de poboación a fin de garantir a seguridade das persoas e edificacións en caso de incendio fortuito.
Respostas nas actas
En reiteradas ocasións, o PP solicitou que constaran en acta as réplicas do apartado de preguntas e que son formuladas polos grupos da oposición. A resposta foi sempre a mesma por parte da secretaria, quen sempre manifestou que non ten por que recoller este tipo de respostas ou réplicas.
Nembargantes, no anterior Pleno extraordinario, actuaba como secretaria outra traballadora e, no borrador, que se someteu a votación este xoves, na primeira pregunta do BNG, obsérvase que figura a contestación que o formulante fai á alcaldesa; o que evidencia o proceder “duns e outros”. Diante esta circunstancia que os populares consideran “un avance de cara á transparencia”, préganlle á secretaria actual que continúe co criterio da traballadora que actuou como tal nesa sesión, pois “son medidas que redundan no bo funcionamento do Pleno”, conclúen.