Partido Popular de Lugo

O PP de Castroverde denuncia “a manobra” do alcalde de volver intentar converter en funcionaria á edil de Cultura

CASTROVERDE, 13 de novembro de 2017.- O PP de Castroverde denuncia “a manobra” do alcalde deste municipio de volver pretender converter en funcionaria á concelleira de Cultura. Os populares fan esta aseveración logo de detectar que a edil se presentase á praza de auxiliar administrativo convocada pola entidade local, e que quedara paralizada hai seis anos cando esta formación política desvelou publicamente o intento do rexedor de outorgar á mesma persoa un posto fixo no Concello.

 

Concretamente, en 2011, o Goberno local impulsara dous procesos selectivos, o de subalterno e a praza indicada á que concorre agora a socialista. Naquel momento, a persoa indicada presentouse á primeira, acadando unha puntuación de 10 pero, finalmente, e logo das denuncias efectuadas polos populares, o proceso quedou anulado para ambos os dous postos. Agora, e seis anos máis tarde, ante “o intento fallido” efectuado hai seis anos, o alcalde volve poñer a disposición da concelleira unha nova posibilidade para acadar un posto fixo na Casa Consistorial.

 

A única con dedicación exclusiva

Existe, por tanto, segundo precisan dende o PP, “unha oportunidade de aproveitar a condición política en beneficio propio”. “Estanlle creando un lugar de traballo por e para ela”, de tal xeito que se lle está a outorgar, en detrimento doutros aspirantes, “un privilexio a unha persoa que xa dispón dunha actividade política pola que cobra” . E é que esta concelleira é, ademais, a única dos oito edís, que ten dedicación exclusiva.

 

Tribunal afín ao PSOE

Neste senso, consideran que se evidencia un intento claro por parte do rexedor de beneficiar á compañeira de Partido, no marco dun proceso ao que estaban inscritos 90 aspirantes, pero tan só 7 se presentaron á primeira proba. Proba delo, manifestan, é que o tribunal encargado do proceso selectivo tamén “é afín ao Partido Socialista”.