Partido Popular de Lugo

O PP de A Fonsagrada manifesta o seu apoio aos traballadores do GES despedidos polo “capricho e a irresponsabilidade” do alcalde

A FONSAGRADA, 9 de novembro do 2017.- O Partido Popular da Fonsagrada manifesta o seu apoio aos traballadores do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), que foron despedidos polo “capricho e a irresponsabilidade” do alcalde da vila. Deste xeito, aseguran que o PP continuará a defender os dereitos dos doce traballadores ao “carecer de toda lóxica que o rexedor fonsagradino chegase a prescindir deste operativo que tería un custe laboral 0 para as arcas municipais”.

 

Os populares quixeron trasladar de novo o seu apoio aos traballadores despois de que esta mañá se celebrase un novo xuízo, neste caso trala demanda presentada por tres dos membros do GES da Fonsagrada, cuxos dereitos “foron pisados polo alcalde, sen ningún tipo de argumento razoable”. De feito, precisan que nas exposicións ante os tribunais púxose de manifesto que “o motivo económico que levou ao alcalde a tomar esta decisión negativa para o Concello non existe xa que o servizo do GES é sufragado nun 60% pola Xunta, mentres que a Deputación faille fronte ao restante 40%”.

 

Para o Partido Popular estes traballadores son “vítimas do capricho do alcalde, que desfai no concello ao seu antollo, sen pensar nos intereses dos veciños, xa que estamos ante un servizo de especial necesidade para esta localidade. Prescindiuse dun operativo de emerxencias composto por 12 persoas e a custe laboral 0 para as arcas municipais, cando existen outros gastos sen case ningún tipo de control”.

 

O compromiso do PP cos traballadores é claro e mesmo o Grupo Provincial Popular presentou unha moción para o seu debate no Pleno da Deputación, na que demandaba que o bipartito instase ao Concello de A Fonsagradaa que declarase nula a resolución na que se acordou o despedimento dos traballadores e traballadoras que prestaban os seus servizos no GES e, en consecuencia, se readmitisen á maior brevidade posible.

 

O PP pide responsabilidade

Os populares critican de novo que o Goberno local, en vez de preocuparse polos problemas reais do municipio, “como son a perda de poboación e o avellentamento, que acada niveis de verdadeira alarma”, se enrocase nesta situación. O PP lembra que ante a demanda dos traballadores por un despido inxusto, os tribunais en sentenza fallaron con que este era improcendente, é dicir, nulo.

 

Non contentos con esta sentenza o equipo de Goberno da Fonsagrada presenta un ERE contra estes traballadores, argumentando saldo negativo do Concello, e botándolles a culpa desta situación. Este feito motivou que os compoñentes do GES interpuxeran unha serie de recursos e demandas xudiciais, en onde ata o momento a xustiza lles deu a razón,co conseguinte gasto que supón para o Concello ter que facer fronte aos salarios e á seguridade social de todos os traballadores. Así, os populares lamentan a pouca responsabilidade coa que actuou o alcalde.