LÁNCARA, 8 de novembro de 2017.– O voceiro do PP en Láncara, Santiago Cubillas, censura que o alcalde “volte a mentir” sobre o plan de transporte, pois “el sabe que non presentou ningún escrito no período de alegacións”, establecido a tal fin pola Xunta de Galicia.
Deste xeito, e dado “o atrevemento sen límites” que demostra ter o rexedor, o popular reta ao dirixente socialista a que faga públicos os escritos presentados dende o 30 de maio ao 10 de xuño; prazo fixado pola administración autonómica para que todas as entidades locais puidesen facer as súas propostas a dito proxecto.
Tendo en conta que, unha vez máis, o alcalde falta á verdade, “nun intento claro de tapar que non fai ben as cousas”, dende o grupo municipal do PP pídenlle “máis rigor e seriedade porque con este proceder non só minte publicamente, senón que lles está mentindo aos veciños que o apoiaron para dirixir a alcaldía”.
“As mentiras en política tamén teñen a patas moi curtas. De feito, case se podería dicir que está obsesionado neste senso, pois atribúe aos demais que minten e que non fixeron nada e resulta que é el o que non fai as cousas ben e o que minte continuamente. Por iso, e dado que el é coñecedor de que non estivo á altura das circunstancias, retámolo a que amose publicamente que escritos presentou e cando o fixo”. A este respecto, os populares non dubidan en afirmar que “Piñeiro non o fará, pois sabe perfectamente que non alegou cando o tiña que facer”, insisten.
Sensibilidade da Xunta
Asemade, dende o Partido Popular agradecen a sensibilidade da Xunta de Galicia, ao atender a súa petición de habilitar unha liña de autobús de Láncara á Pobra de San Xillao. Deste xeito, con esta incorporación ao plan de transporte da administración autonómica, dotáse aos veciños, en primeiro lugar, dun novo servizo, do que non dispoñen ata o de agora e, segundo, facilitaráselles a comunicación coa capital da provincia e o Hula. Dende A Pobra enlazarían coa liña 9 que vén de Monforte de Lemos, e que ten paradas na estación de autobuses lucense e no centro sanitario.
“Son moitos os veciños que nos trasladaron esta demanda. Por iso, nos dirixamos á Xunta e agora temos e debemos agradecer a súa celeridade na xestión; non podemos dicir o mesmo, engaden, do alcalde, quen se houbese actuado con dilixencia incluso podería complementar este servizo, solicitando o Plan TES+Bus, que ofrece tamén a administración autonómica, e que inclúe o uso da liña escolar que vai A Pobra polo pago de tan só 1 euro ”, remarcan.