SARRIA, 4 de novembro de 2017.- Os presidentes de NNXX na provincia, en Galicia e en Sarria, Rosa Arza, Adrián Pardo e Jesús Rodríguez, respectivamente; acompañados do secretario Xeral, Carlos Armesto; e do voceiro do PP neste municipio, José Antonio García; ademais doutros cargos orgánicos, achegáronse este sábado á fábrica de Cementos Cosmos, que ao longo deste día celebra unha xornada de portas abertas.
A visita enmarcouse dentro da serie de entrevistas e rolda de contactos que a organización político xuvenil está a manter cos distintos representantes dos principais axentes socioeconómicos da provincia para coñecer de primeira man as actividades que desenvolven os emprendedores e empresarios que xeran riqueza en Lugo.
“Cremos que é necesario e positivo realizar este tipo de encontros. Buscamos coñecer de xeito directo as súas necesidades e tenderlles a man naquilo que podamos ser de axuda”, puxo de manifesto a presidenta da agrupación, Rosa Arza.
Precisamente, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, acompañado do delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e do voceiro do PP neste Concello, tamén estivo onte no mesmo lugar, onde explicou como o Goberno galego está potenciar a industria galega e, neste caso concreto, coas axudas outorgadas a esta factoría, situada na localidade de Oural, se puideron crear máis de 300 postos de traballo na comarca.
Os mozos fixeron así un percorrido polas instalacións, na que a multinacional Votorantim, que agora é a propietaria desta cementeira, investiu 3 millóns de euros, empregando combustibles alternativos nos seu fornos; o que permitu reducir os custos de producción e, deste xeito, reforzar a estratexia de exportación.
Os membros da comitiva tamén coñeceron o novo laboratorio e os novos equipos de control ambiental dos que dispón a factoría sarriana, cuxo volumen de negocio, logo das adquisicións e melloras realizadas, se prevé que ronde os 10 millóns de euros anuais.