Partido Popular de Lugo

O PP de Castroverde explica aos veciños cun boletín informativo o seu traballo para abrir a residencia

CASTROVERDE, 1 de novembro de 2017.- O PP de Castroverde explica aos veciños cun boletín informativo o traballo desta formación política para abrir a residencia da terceira idade que a Deputación construíu neste municipio, pero que aínda non foi quen de poñer e marcha malia ser inaugurada polo ex presidente provincial en marzo de 2015; é dicir, tan só dous meses antes das eleccións municipais.

 

A necesidade da apertura desta infraestrutura foi unha demanda que os populares trasladaron en varias ocasións ao PP da Deputación. Así o fixeron recentemente as edís María Gómez e Sandra López nunha reunión que mantiveron diante do inmoble coa voceira o vicevoceiro deste Grupo, Elena Candia e Carlos Armesto. Naquela xuntanza, celebrada hai tan só unhas semanas, os deputados populares asumiron o compromiso de expoñer esta petición aos dirixentes da Sociedade que impulsa a execución destes centros. O acordo, finalmente, materializouse no día de onte, tal e como adiantou Elena Candia logo do encontro que mantivo co novo responsable de SUPLUSA, Manuel Martínez.

 

Dende agrupación local, que lidera María Gómez, valoran “moi positivamente” o traballo dos deputados provinciais e, sobre todo, o acordo acadado onte. Neste senso, agradecen ás partes negociadoras “este compromiso, pois cada día que pasa, e que a residencia continúa pechada, e un día perdido para os maiores que a necesitan”, destaca a voceira de Castroverde.

Tal e como defenden os populares na publicación que editaron co fin de que os cidadáns teñen toda a información sobre o labor que levan facendo ao longo dos últimos meses, a xestión e as iniciativas promovidas por esta formación política están a ser decisivas para que se producisen modificacións que desemboquen na tan necesaria e urxente apertura de centros de maiores como o de Castroverde. Refírense así ao cambio na dirección da Sociedade e da recente inscrición de SUPLUSA no RUEPSS -proceso necesario para que a Deputación poida poñer e funcionamento estes centros- e que non se produciu ata que o PP logrou que o Consello de Administración acordase iniciar a tramitación do expediente correspondente.

 

Ambos procesos -inscrición e a nova presidencia- foron determinantes, por tanto, para desbloquear a parálise na que estaba a Sociedade Urbanística Provincial xa que, ata o momento, os responsables socialistas desta durante os últimos 7 anos se desvincularon da súa responsabilidade e puxeron trabas continuadas á posta en marcha das residencias, sendo incluso necesario que o PP defendese o asunto na vía xudicial e mesmo que promovese iniciativas para que se respectasen os dereitos dos traballadores que foron seleccionados para traballar nos centros.

 

Outra información relevante para os veciños

Os populares inclúen tamén nesta publicación como esta formación política foi decisiva para que outras administracións como a Deputación aumentasen o investimento neste municipio. É o caso, por exemplo, do Plan Único, a través da que este Concello recibiu máis de 280.863 euros. Desta cantidade, 202.863 son para a mellora dos acesos en San Cosme de Barreiros, Riomol, Pereira, Foguentelle, O Páramo, Tórdea, Salgueiriño, Vilabade, Cernada, O Fato, Espasande, Covelas e a zona entre Tórdea-Miranda-Mirandela, ademais do acondicionamento da prazas de Francelos e San Xulián de Pereiramá; 22.040 para a mellora da atención a domicilio; 41.844 para a contratación de parados a través do DepuEmprego; 4.000 euros para sufragar os custos da Cabalgata de Reis, o Entroido, a XX Festa dos Avós e Avoas e o Magosto; 6.000 para a Feira de Artesanía; e 4.000 euros para actividades de judo, ximnasia ou natación.

 

Na mesma liña, os populares explican como están a ser “interlocutores” coa Xunta de Galicia; unha relación que contribuíu a que os gandeiros do municipio recibisen 2,8 millóns de euros en axudas da PAC; 431.495 euros para os Plans de Mellora; 194.000 euros para a incorporación de mozos ás explotacións; máis de 294.000 para o obradoiro de emprego que Castroverde comparte con Ribeira de Piquín, A Pastoriza, Pol e Riotorto, así como para a contratación de 2 traballadores perceptores do RISGA; 237.313 euros para o Fondo de Cooperación Local, que permite mellorar camiños, servizos ou espazos públicos nas distintas parroquias; e 75.555 euros para o acondicionamento dos accesos aos montes.

 

A disposición dos veciños

Con todo, dende o Partido Popular local “non se conforman” e manifestan que seguirán traballando para conseguir que estas e outras administracións fagan obras no Concello, ao tempo que se poñen a disposición dos veciños para que plantexen as cuestións nas que o Partido lles pode ser de axuda. E é que, segundo indican, este Grupo está convencido de que coas aportacións da cidadanía, “conseguiremos facer cousas boas para Castroverde”.