LÁNCARA, 30 de outubro de 2017.– O Partido Popular pide á Xunta de Galicia que habilite unha liña de autobús de Láncara á Pobra de San Xillao. Deste xeito, con esta incorporación ao plan de transporte da administración autonómica, dotaríase aos veciños, en primeiro lugar, dun novo servizo, do que non dispoñen ata o de agora e, segundo, facilitaríaselles a comunicación coa capital da provincia e o Hula. Dende A Pobra enlazarían coa liña 9 que vén de Monforte de Lemos, e que ten paradas na estación de autobuses lucense e no centro sanitario.
O voceiro do Partido Popular, Santiago Cubillas, agarda que o Goberno galego sexa “sensible coa nosa petición”. “Son moitos os veciños que nos trasladaron esta demanda. Por iso, nos dirixamos á Xunta, agardando que escoite e atenda o noso requerimento”, remarca.
Liderado do PP
Concretamente, obxectivo principal desta iniciativa é mellorar a mobilidade e a accesibilidade para que os cidadáns dispoñan dun mellor servizo de transporte público colectivo. O Partido Popular lidera así esta petición, pois “estamos convencidos de que revertirá no beneficio dos veciños”, e fano, subraia Cubillas, “porque temos un Goberno local que nin está nin se lle espera”.
“Non hai máis que ver que non presentou nin alegacións nin fixo propostas no periodo establecido pola Xunta (30 de maio-10 de xuño) ou como xestionou algunha subvención e axudas que viñeron tamén da Xunta, e que perderon por entregar mal a documentación; en definitiva porque non fixeron os deberes e, no canto de traballar para que os lancareses contemos con máis e mellores servizos, semella que están máis preocupados por outros asuntos que pola xestión dos fondos públicos”, apunta.
“O Goberno local está a outras cousas”
A este respecto, indica, “todos sabemos que como Partido non están a mellor momento, incluso algún dos membros con responsabilidades de goberno noutras administracións, tampouco o debe estar pasando moi ben debido a unha situación de incertidume e de organización interna”. Con todo, apunta o popular, “estes condicionantes non debían de ser un impedimento para traballar como llelo demandan os lancareses”. Por tanto, “e vendo que o Goberno local está a outras cousas, e en previsión de colaborar e de estar á altura do que precisan os veciños, decidimos trasladar esta cuestión á Xunta de Galicia”, conclúe Cubillas.