RIBEIRA SACRA, 29 de outubro de 2017.- O Grupo Provincial do Partido Popular esixirá o martes en Pleno ao Goberno da Deputación que manteña en funcionamento os catamaráns ata finais de ano e como mínimo durante as fins de semana, as pontes e os días festivos. Os populares rexistraron esta moción tras coñecer que o organismo lucense tomou a decisión de pechar por anticipado, ata con dous meses de antelación, o servizo de catamaráns que cubre as rutas fluviais do Sil e do Miño.
Os populares consideran que se está ante unha decisión moi “pouco acertada e que tanto pode danar ao turismo da Ribeira Sacra” e máis, segundo engaden, tendo en conta os bos datos rexistrados na zona, ata o punto de que o propio equipo de Goberno da Deputación xa ten ofrecido cifras de reservas confirmadas ata finais de ano. Ademais, dende o Grupo Popular tamén indican que as previsións recollen para os vindeiros meses uns índices de ocupación máis elevados respecto ao mesmo período do ano 2016.
Dende o Grupo Popular censuran a decisión unilateral tomada pola Deputación que tamén sentou un enorme malestar, segundo precisan, entre o sector, posto que o peche das rutas fluviais traerá consigo un efecto dominó noutros servizos como son a hostalería ou as hospedaxes.
Para os populares as cifras demandan un maior compromiso por parte dos socialistas na Deputación así como unha xestión axeitada deste recurso dado que o peso desta zona no sector turístico provincial ronda o 25% tanto en número de prazas como de pernotacións. Ademais, os populares dan cifras como que entre xaneiro e agosto visitaron a comarca 99.447 persoas e afirman que un dos factores diferenciadores da zona é o feito de ser un dos destinos cada vez máis desestacionalizados de Galicia, e “a ampliación ou mantemento do período de servizo dos catamaráns precisamente contribuirá a consolidar este destino”.
Compromiso do PP coa Ribeira Sacra
Os populares lembran que xa en reiteradas ocasións dende o Grupo do PP se trasladaron denuncias de usuarios, veciños e entidades locais e administrativas, que pedían una mellora do funcionamento destes servizos de catamaráns. Así, “a través dos medios dos que dispoñemos realizamos as xestións para acadar una mellor oferta e agora e lonxe de cumprir todos os compromisos adquiridos, adoptan unha decisión moi negativa para a zona, que dende o PP censuramos e esiximos modificacións”.