A PONTENOVA, 26 de setembro de 2017.- O PP de A Pontenova, da man do seu voceiro, David Álvarez, censura “a irresponsabilidade” do equipo de goberno respecto do plan de transporte, sobre todo, porque “eles saben que nin presentaron alegacións ao mesmo, nin acudiron á reunión á que foran convocados por parte da Xunta de Galicia para tratar este asunto”.
Isto demostra, segundo indican dende o Partido Popular, que agora os socialistas pretenden “emendar ou tapar que non actuaron coa sensatez que deberían”. Proba delo, é que tal e como xa manifestaron recentemente dende a administración autonómica, o Concello non remitiu, en tempo en forma, ningún documento durante o prazo establecido ao efecto para mostrar a necesidade de introducir cambios nas rutas de autocar que operan no seu municipio.
O PP lidera as demandas dos veciños
Con todo, o voceiro desta formación política adianta que pedirá ao Goberno galego que adapte os horarios do servizo ao HULA en función das necesidades dos veciños. Deste xeito, os populares lideran así a demanda dos cidadáns, malia que esta era unha responsabilidade que lle competía aos dirixentes locais, quenes deberon de amosaras propostas de cambio ou melloras que se puideran introducir no prazo de alegacións habilitado pola consellería de Infraestruturas e Vivenda (30 de maio e o 10 de xuño). E é que, non facelo, como aconteceu no caso tamén de Trabada, supuxo que a administración local daba súa conformidade ao novo plan.
“Poden dicir publicamente o que queiran para confundir ou mesmo saír airosos dunha situación que eles mesmo buscaron. É un insulto aos veciños que actúen deste xeito, pois a realidade é que non dixeron nada cando se lles deu a oportunidade de facelo e, por se isto fose pouco grave, resulta que tampouco asistiron á reunión á que foron convocados para poder abordar este asunto”, denuncian.
Por este motivo, e ante un proceder por parte dos responsables do Concello que cualifican de “irresponsable”, instan aos dirixentes do Concello a que “teñan máis dignidade política”. “Son coñecedores de que non o fixeron ben. Cando menos o que deberían de facer é recoñecer o erro e non xustificar a súa metedura de pata con mentiras ou con falsos argumentos para botarlle a culpa á Xunta de Galicia”, conclúe David Álvarez.