Partido Popular de Lugo

O PP de A Fonsagrada pide ao Concello que se dirixa á Xunta e lle solicite a incorporación do municipio á área de transporte metropolitano de Lugo

A FONSAGRADA, 26 de setembro de 2017.- O PP de A Fonsagrada pide ao Concello que se dirixa á Xunta de Galicia e lle solicite a incorporación deste municipio á área de transporte metropolitano de Lugo, ao igual que xa acontece con Castroverde e Baleira; municipios que xa están integrados en dita demarcación.

 

Así se desprende da moción que os populares veñen de rexistrar esta mañá, e que será debatida no vindeiro Pleno que celebrará a Corporación municipal. Deste xeito, o voceiro do Partido Popular, Tobías Martínez, agarda que o Goberno local “estea á altura das circunstancias”, pois este servizo permitiría aos cidadáns conseguir aforros de entre un 40 ao 60% na adquisición de billetes, ademais de descontos adicionais do 15%. No caso das familias numerosas esta rebaixa sitúase entre o 20 e o 50%.

 

Dados os notables beneficios que traerían consigo esta integración, dende o Partido Popular remarcan que lideran así esta iniciativa, pois “estamos convencidos de que revertirá no beneficio dos veciños”; de aí que que agarden “a que o alcalde e o seu equipo sexan capaces de ver a utilidade da nosa moción e que, por unha vez, prioricen os intereses da cidadanía por riba dos propios ou dos de Partido”, sinalan.

 

E é que o obxectivo principal desta iniciativa é mellorar a mobilidade e a accesibilidade para que os cidadáns dispoñan dun mellor servizo de transporte público colectivo; un servizo que, destacan, “nos permite viaxar ás principais cidades de Galicia e no que os trasbordos ao chegar a Lugo son gratuitos”.