BURELA, 25 de outubro de 2017.- O Grupo Municipal Popular (GMP) burelés denuncia “a desfachatez e caradura do alcalde e do concelleiro de Cultura que, a día de hoxe, rematando outubro, teñen ao alumnado da Escola de Música de canto, guitarra, saxo e percusión sen profesorado”; alumnado, precisan, “que paga relixiosamente a matrícula e que ve como non se lle presta o servizo, dada a incapacidade do concelleiro de Cultura para solucionar o problema e da permisibilidade do alcalde por permitilo. Nunca ata o de agora tiña pasado tal cousa”, remarcan.
Os populares, que lembran que dende a oposición non é a primeira vez que se alerta da deixadez do concelleiro de Cultura coa Escola Municipal de Música, mencionan que “o propio edil dixo nun Pleno que a Escola de Música comezaría en setembro, pero os feitos demostran que mentiu. “Se o curso pasado a Escola de Música xa iniciou tarde as clases, agora o concelleiro supérase a si mesmo na nefasta xestión que está facendo da Escola”, subliñan.
Descontos na matrícula
Por tanto, dende o PP agardan que ao alumnado se lle desconte da matrícula o tempo que pasan sen as clases de instrumento; “un tempo perdido que vai en detrimento da formación musical dos matriculados”, destacan.
Este grupo municipal afirma que, “para contratar eventos que logo pagan os cidadáns, pode ser concelleiro calquera. Pero a un edil pídeselle algo máis, e ese algo máis pasa pola xestión dos servizos municipais que dependen del”. A este respecto, critican que “se xa houbo retraso de catro ou cinco meses coa contratación do monitor da aula CEMIT, agora vemos que tamén hai retraso de alomenos un mes na contratación do profesorado dos instrumentos indicados”. E iso pasa, aseguran, “cando o alumnado paga pero non recibe as clases”.
Estas deficiencias na xestión levan aos populares a concluír que “para concelleiro de Cultura en Burela vale calquera. E por riba nin apareceu nin se lle espera polos centros de ensino ou polo Unidade de Drogodependencias, dado que tamén é concelleiro de Educación e Sanidade”, apuntan.
“Por eso, din os populares, vemos que a dedicación do responsable de Cultura se reduce de forma esaxerada, práctica e únicamente á contratación de eventos que se pagan cos cartos de todos vía entradas. Iso si, ten convertido a Burela no concello que máis eventos hai de pago en todo o ano, e todo apunta a que o seu fervor por este tipo de actos non ten límite”, sinalan.
Máis “fiascos”
Desde o grupo municipal consideran que “a pesares de tanto evento de pago, o autobombo do concelleiro de Cultura está máis en entredito cada día que pasa. Aos retrasos indicados, hai que unir o fiasco do concerto dos djs e os reparos continuos de intervención aos pagos de varias facturas presentadas por parte das actividades organizadas por este señor”.
“Ao alcalde tamén lle vai a farra e a festa”
Rematan os populares indicando que “o alcalde debería poñer coto a esta situación, pero xa sabemos que a este tamén lle vai participar na farra e na festa, así que moito nos tememos que seguiremos aínda unha temporadiña sen clases de saxo, canto, guitarra e percusión na Escola de Música e nin soñemos en que se lle reintegre parte do importe da matrícula aos afectados. Sempre haberá tempo para cargarlle a culpa aos impedimentos administrativos”, afirman.