Partido Popular de Lugo

O PP celebra a inscrición de SUPLUSA no RUEPSS, o que demostra que este Grupo tiña razón cando impulsou a modificación dos estatutos

LUGO, 25 de setembro de 2017.- O Partido Popular celebra a inscrición de SUPLUSA no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), demostrándose así que este Grupo tiña razón cando comezou a impulsar a modificación dos estatutos. E é que este cambio regulamentario foi decisivo para que este proceso se puidese levar a cabo, así como para que a Deputación, a través desta Sociedade, poida abrir as residencias que ten proxectadas na provincia.

 

A notificación desta inscrición prodúcese logo de que o PP lograse o mes pasado que o Consello de Administración de SUPLUSA acordase iniciar a tramitación do expediente correspondente para tal fin e do cambio na presidencia de SUPLUSA, que tamén veu motivada pola referida modificación estatutaria.

 

Por tanto, foi a partires de que, unha vez que Darío Campos deixou a presidencia, se puido avanzar neste proceso. Esta cuestión leva aos populares a valorar positivamente a substitución do actual presidente da Deputación polo vicepresidente primeiro, así como a concluír que, dado o suceder dos últimos feitos, se pon de relevo que o titular provincial “non quería a modificación dos estatutos e, en consecuencia, abrir os centros que están en condicións de comezar a ofrecer o servizo para o que foron construídos”. Precisamente, esta parálise e os continuos enredos por parte de Campos levou incluso aos populares a ter que defender a súa postura xudicialmente.

“Parece mentira que fose necesario para poder avanzar respaldar o asunto na vía xudicial e incluso que o Grupo Socialista, que gobernou durante anos a Sociedade, aceptase respectar os dereitos dos traballadores de SUPLUSA. Grazas á presión do Partido Popular e ás iniciativas que levamos a cabo por fin se puxeron en marcha as directrices que garantirán a posta en marcha das residencias e velar polos dereitos dos traballadores”, remarca Elena Candia.

 

A este respecto, tamén se pon de manifesto que os feitos deixan claro que o único interese que movía aos socialistas era “estar na Sociedade para torpedear o seu funcionamento e que só lles interesou este proxecto para facer política, pois claramente se pode concluír que nunca tiveron intención de abrir as residencias”, sinala a voceira do PP no organismo provincial e membro do Consello de Administración de SUPLUSA.

 

Reiteradas peticións do PP nos últimos 6 meses

Concretamente, a conselleira de SUPLUSA e voceira do PP Elena Candia e o resto de conselleiros pertencentes ao dito grupo, solicitaron ao presidente da Sociedade durante máis de 6 meses que levase a cabo a tramitación do expediente de inscrición de SUPLUSA no Rexistro Único de Entidades prestadoras de Servizos Sociais.

 

Precisamente, o feito de non estar inscrita no devandito rexistro durante todo ese tempo imposibilitou a apertura dos centros e, en consecuencia, impediu que os maiores da provincia poideran desfrutar destes servizos ao longo destesmeses.

 

Concretamente, o PP dirixiuse ao anterior presidente de SUPLUSA nas seguintes datas:

 

  • Escrito da voceira de data 10 de febreiro de 2017 no que pide a Darío Campos que solicite a inscrición da Sociedade Urbanística no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPPS).

 

  • Escrito da voceira de data 21 de marzo de 2017 no que solicitaba ao presidente que declarase a urxencia e se debatese na reunión do Consello de Administración que se celebraba nesa data unha proposta relativa á tramitación do expediente correspondente a dita inscrición.

 

  • Solicitude de data 25 de abril de 2017 de convocatoria extraordinaria do Consello de Administración para tratar a tramitación do devandito expediente.

 

  • Proposta de acordo de 6 de setembro 2017 elevada ao Consello de Administración para que levase a cabo a tramitación do expediente correspondente á inscrición, co fin de que a Sociedade obtivese o recoñecemento como entidade prestadora de servizos sociais por parte da C.C.A.A.

 

O presidente non atendeu a ningunha das 3 primeiras peticións. De feito, o 1 de xuño de 2017, celebrouse unha reunión extraordinaria do Consello de Administración para tratar este asunto, pero Darío Campos decidiu deixalo sobre a mesa. Foi a raíz da última proposta dos conselleiros pertencentes ao Grupo do PP, realizada o 6 de setembro de 2017, cando o novo presidente levou a cabo a tramitación da inscrición.

 

Deste xeito, obsérvase que os responsables socialistas da Sociedade durante os últimos 7 anos se desvincularon da súa responsabilidade, a pesares de que, no Pleno de outubro de 2010, se aprobou a encomenda de xestión á Sociedade Urbanística para a construción e xestión de centros de atención a persoas maiores e o equipo de goberno do PSOE afirmaba, precisamente, tal e como se pode ver no extracto da acta, que xa estaba tramitando dito procedemento:

 

“ …. A Sociedade Urbanística Provincial de Lugo S.A. co obxectivo de poder cumprir a encomenda de xestión da Deputación Provincial e respondendo aos requisitos legais que comporta a construción, posta en servizo e xestión deste tipo de dotacións, está tramitando a súa inscrición no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Xunta de Galicia, seguindo as esixencias do Título VIII, Capítulo I da Lei 13/2008 de 3 decembro de Servizos Sociais de Galicia e as súas disposicións de desenvolvemento, que actualmente segundo a súa Disposición Transitoria Segunda, serán aquelas que desenvolvían a Lei 4/1993….. “.

 

Folla de ruta

Unha vez notificada a inscrición, dende o Grupo Provincial adiantan que “non se conforman” e que pedirán unha reunión co novo presidente para que este concrete a folla de ruta inmediata para a apertura daqueles centros que están xa construídos pero que non puideron abrir as súas portas por mor dos atrancos ocasionados pola xestión do actual titular provincial. 

 

Descargar PDF