LUGO, 25 de outubro de 2017.- O secretario xeral do Partido Popular de Galicia, Miguel Tellado, intervirá na clausura do congreso de Novas Xeracións de Lugo, que se celebrará este venres, 27 de outubro, na sede do Partido Popular da provincia. Ao cónclave tamén asistirán o presidente da formación xuvenil a nivel autonómico, Adrián Pardo, así como a presidenta do Partido Popular de Lugo, Elena Candia, e o secretario xeral, Carlos Armesto, entre outros cargos orgánicos do PP.
Alejandro Pena López-Boado será previsiblemente proclamado presidente da organización político xuvenil vinculada ao PP na cidade de Lugo durante a celebración do congreso e tras que o mozo lucense, de 28 anos, entregase o número de avais necesarios que establecen os estatutos para concorrer a este proceso.
Pena-Boado de 28 anos e empresario no sector farmacéutico é o único candidato a presidir Novas Xeracións de Lugo. Así e cunha importante vocación política herdada do seu avó José Serafín Pena Souto, o mozo popular asumirá as rendas da formación da cidade.
Coa celebración do congreso de Novas Xeracións na cidade de Lugo suman xa tres os cónclaves, que tiveron lugar na provincia, tras seren elixidos novos presidentes en Sarria e Triacastela. A directiva provincial de Novas Xeracións establécese como obxectivo dar un novo pulo á formación nos distintos concellos e con este fin estanse a convocar os congresos locais.
Por último, dende Novas Xeracións informan de que o congreso da organización na cidade se celebrará este venres, 27 de outubro, a partires das 20.00 horas, na sede situada na rúa Poeta Ramón Cabanillas.