Partido Popular de Lugo

O PP valora as contas da Xunta para 2018, que permitirán impulsar grandes eixos de comunicación, mellorar infraestruturas hidráulicas e avanzar na modernización do mapa sanitario no sur de Lugo

MONFORTE, 21 de outubro de 2017.- As deputadas autonómicas, Julia Rodríguez e Raquel Arias, destacan que as contas da Xunta de Galicia para 2018 “reafirman o total compromiso do executivo autonómico co sur de Lugo” ao dirixir aos concellos desta área dotacións económicas que permitirán impulsar grandes eixos de comunicación, mellorar as infraestruturas hidráulicas e avanzar na modernización do mapa sanitario en Lemos.

 

Dun xeito máis preciso, dende o Partido Popular definen os orzamentos autonómicos para o ano 2018 de “moi positivos” para esta zona da provincia, ao incluír proxectos que consideran “importantes e fundamentais para estes municipios, ademais de que están a dar resposta a demandas moi esixidas polos veciños e veciñas”.

 

Para as deputadas autonómicas estase ante un “proxecto de orzamentos moi realista, que constitúen unha aposta decidida polas áreas de maior interese para os veciños e veciñas como son a Sanidade, as infraestruturas viarias e mesmo a mellora de servizos públicos, entre eles novas captacións de auga e obras de saneamento”.

 

Rodríguez e Arias celebran estes orzamentos, dos que a nivel provincial, destacan que consolidan Lugo como a provincia de maior gasto por habitante, aumentando os recursos con destino concreto, dos que unha importante contía se materializará en obras no sur lucense.

 

Principais partidas económicas para a zona sur

Dun xeito máis preciso, as populares remarcan que, entre as principais partidas que recibirá a zona sur da provincia, atópanse no eido da Sanidade pública unha dotación económica para obras de mellora no Hospital de Monforte, que suma os 320.000 euros. Ademais, tamén se dirixirán 281.000 euros para o centro de saúde do Saviñao.

 

Entre os recursos económicos, que se executarán nesta zona, encóntranse importes dirixidos ao impulso dos grandes eixos de comunicación, entre eles, destacan as partidas de 750.000 euros para acceso ao Porto Seco; os 250.000 euros para a conversión en autovía do corredor Nadela-Sarria e outros 250.000 euros para o acondicionamento da LU- 651 en Folgoso do Courel.

 

A previsión de orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano tamén suma un notable esforzo inversor na mellora de infraestruturas hidráulicas na zona, permitindo actuacións no eido dos servizos servizos públicos como son as captacións de auga ou o saneamento. Dentro do seu balance sobre as contas para 2017, as deputadas autonómicas destacan tamén a aposta decida do Executivo autonómico no ámbito social e dentro desta área citan proxectos para a zona como son as obras de mellora no centro de persoas con discapacidade Infanta Elena.

 

Por último e dun xeito máis xeral, Rodríguez e Arias expoñen que “con Feijóo e co Partido Popular no Goberno galego estase a incrementar o investimento, o gasto social, o emprego ademais de acadar mellores servizos públicos; mentres que nestas contas acádanse cifras que amosan unha baixada no déficit, na débeda e nos impostos”.