POBRA DO BROLLÓN, 20 de outubro de 2017.- O PP de Pobra de Brollón considera que, se o alcalde non renunciase á brigada contra incendios da Xunta, a extinción dos incendios sería moito máis rápida e a seguridade cidadá tamén sería maior. Deste xeito, advirten que “o peor de todo é que en 2018 tampouco teremos esta prestación por mor desta decisión”.
Os populares xa denunciaran esta cuestión no mes de xullo, amosando a súa preocupación por tal determinación, xa que, nunha situación como a acontecida, todas as axudas que se reciban son poucas.
E é que esta decisión implica que, o vindeiro ano, este Concello tampouco contará co servizo que o Goberno galego ofrece a través desta iniciativa aos municipios lucenses, e que ten por finalidade participar na defensa contra os incendios forestais mediante a actuación dos vehículos motobombas municipais; realización de tratamentos preventivos forestais en vías e camiños de titularidade municipal; e contratación do persoal que conformará as brigadas municipais. No caso de Pobra do Brollón, o alcalde declinou a subscrición do mesmo e, en consecuencia, renunciou a todos os servizos indicados que ofrece o convenio, é dicir, renunciou a todo.
“Traballo extraordinario”
Malia todo, o voceiro popular, Fernando Parada, quere aproveitar a ocasión para destacar “o intenso e extraordinario traballo” tanto dos veciños, como dos profesionais que colaboraron na extinción dos lumes. “Foron e son uns auténticos heroes. Se non fose por eles, os danos serían moito maiores, xa que, como todos sabemos, o noso concello foi un dos afectados na provincia”, indica.
Por iso, e ante a gravidade da situación, dende o grupo municipal agardan que, co compromiso e as axudas que impulsarán administracións como a Xunta de Galicia, “poidamos recobrar a normalidade canto antes”.
“Esta claro que, diante un terrorismo incendiario deste tipo, nunca se está o suficientemente preparado e todos os medios son necesarios, pero o que non se pode permitir é que un alcalde renunciase a este servizo, sobre todo, cando o noso municipio xa foi vítima da lapas noutros anos, e que mentras o lume avanzaba, a brigada municipal estivese podando árbores”, subliña Parada.