Partido Popular de Lugo

O PP de Cervantes agradece as medidas arbitradas pola Xunta para paliar os danos dos incendios e pide ao resto de administracións que establezan liñas de colaboración

CERVANTES, 20 de outubro de 2017.- O PP de Cervantes agradece as medidas arbitradas no día de onte pola administración autonómica, a través do decreto que foi aprobado polo Consello da Xunta, e que teñen por finalidade restablecer os servizos esenciais afectados e paliar os danos producidos tanto nos bens de titularidade pública como privada.

 

Neste senso, os populares, que remitirán aos afectados a información facilitada por Medio Rural sobre este asunto, co fin de que coñezan “de primeira man” este documento, valoran as medidas impulsadas para que “a normalidade chegue canto antes aos veciños e ás aldeas afectadas”, pois segundo o informe da Axencia Galega de Emerxencias esta zona ven de ser declarada como de natureza catastrófica.

 

“Estes días vivimos unha situación moi crítica debido a un terrorismo incendiario sin precedentes”, afirma o voceiro popular, Javier Santín. Con todo, malia que a situación está controlada, queda un intenso traballo por diante de avaliar as consecuencias, “pero é importante que todas administracións arrimen o hombro”, insiste.

 

É por este motivo polo que Javier Santín insta os resto de gobernos –local, provincial e estatal- a que poñan en marcha tamén medidas nas que se dea prioridade á recuperación das vivendas, explotacións gandeiras e contribúan a restaurar os valores naturais, así como a reactivar a actividade económica das zonas afectadas.

 

Deste xeito, o popular comparte a preocupación de moitos dos veciños sobre as consecuencias que poidan ter os danos na PAC e o pastoreo, xa que hai pobos co 100% do territorio ardido. Precisamente, e dado que esta é un dos principais temores dos afectados, o voceiro do PP está trasladando esta cuestión a todos os representantes desta formación política nas distintas administracións e institucións.

 

Recoñecementos a efectivos e veciños

Por outra banda, os populares fan un recoñecemento expreso a todos os veciños que colaboraron na extinción, manifestando así que senten “un profundo orgullo polo carácter incansable, solidario e valente do pobo de Cervantes”, pois, afirman, “actuaron con intelixencia e valentía”.

 

“Foron claves nos traballos, xa que son os coñecen o terreo ao 200% e ían ao sitio onde había que ir”, destacan.

 

Asemade, tamén poñen en valor o traballo e o esforzo de todos os efectivos que estes días “o deron todo”, e foron decisivos para que os danos non fosen aínda maiores. “Como un veciño máis, non podo estar máis satisfeito. Tanto os cidadáns, como brigadistas, axentes, técnicos, conductores de motobomba, palistas, exército, GES, protección civil, garda civil e demais profesionais e voluntarios fixeron un traballo digno de ser recoñecido e homenaxeado. Sen eles, non me quero imaxinar o que podería pasar…”, sentencia Santín.

 

Pisando o terreo”

Asemade, tamén queren poñen en valor que distintos cargos institucionais como os conselleiros de Medio Rural e de Industria, Ángeles Vázquez e Francisco Conde; o delegado territorial, José Manuel Balseiro; a presidenta provincial, Elena Candia; a deputada autonómica, Encarna Amigo; ou subdelegado do Goberno, Ramón Carballo; se desprazasen estes días ás zonas afectadas, pisando o terreo, ver realmente as dimensións da catástrofe e propor solucións a veciños como o que perdeu a súa vivenda a consecuencia das lapas.

 

“Estamos realmente agradecidos que estivesen connosco e cos veciños pisando o terreo. O propio Balseiro estivo na zona ata catro veces. Incluso na noite do domingo, ás 4 da mañá. É moi triste ver como quedaron Os Ancares. Xamais esqueceremos este episodio. Por iso, dende o Partido Popular agardamos que esta situación non se volva repetir e que se esclareza canto antes “quenes e a que se debeu esta trama organizada”, sinala.

 

Na mesma liña, o popular destaca o apoio doutros responsables do PP, como é o caso do voceiro do Partido no Senado, José Manuel Barreiro, quen esta mesma semana rexistrou unha moción, que será debatida a vindeira semana en Pleno, e na que solicita ao Goberno as axudas necesarias para paliar os danos provocados polos incendios en distintos lugares da provincia e de Galicia.