Partido Popular de Lugo

Daniel Vega precisa que co PP estase a consolidar unha atención sanitaria máis próxima ao domicilio do paciente achegando o maior número posible de servizos aos cidadáns

Foz, 20 de outubro de 2017.-O deputado no Parlamento de Galicia e secretario de Organización, Daniel Vega, manifestou este venres, no transcurso dunha reunión celebrada en Foz con afiliados e simpatizantes, que co PP estase a consolidar unha atención sanitaria máis próxima ao domicilio do paciente. Neste senso, precisou que dende o Grupo Popular rexistrouse unha iniciativa a través da que solicitan cifras concretas derivadas da implantación da Estrutura de Xestión Integrada (EOXI) de Lugo, Cervo e Monforte.

 

Durante a xuntanza, na que tamén participou o deputado nacional, Jaime de Olano, Daniel Vega deu conta das preguntas que se trasladaron a Xunta de Galicia. Dun xeito máis preciso, o popular explicou “que queremos saber o número de consultas primeiras e sucesivas, ademais das probas diagnósticas que foron realizadas por facultativos do Hula no hospital da Mariña dende a creación da EOXI”.

 

A área integrada de Lugo, Cervo e Monforte proporciona asistencia para a mellora da saúde da poboación, onde a docencia e a investigación se constitúen como elementos inherentes ao proceso asistencial, contando con excelentes profesionais, medios tecnolóxicos, de información e comunicación.

 

Neste eido, a xestión integrada permite que “as alianzas entre atención especializada, rede de atención primaria e outras institucións e centros implicados coa saúde, garantan a continuidade asistencial e a mellora global do sistema”, considera o popular. Entre os beneficios desta modelo de xestión, que se busca consolidar coa reforma da lei, “tamén se atopa o feito de que acercan os profesionais aos pacientes evitando viaxes desde A Mariña ata Lugo cidade”.

 

Unidade de Hospitalización a Domicilio

Daniel Vega tamén preguntará en sede parlamentaria polo número de persoas que se están a beneficiar da hospitalización a domicilio na área de influencia do Hospital da Mariña desde a súa posta en funcionamento. De igual modo, quere saber que tipo de patoloxías son as máis susceptibles de ser tratadas a través desta unidade e como se xestiona, no día a día, a hospitalización a domicilio.

 

O deputado autonómico lembrou que o Servizo Galego de Saúde creou e puxo en marcha despois do verán de 2013 unha Unidade de Hospitalización a Domicilio (HADO) para a área sanitaria de Cervo; e desde outubro de 2015, este centro hospitalario conta co segundo equipo da HADO.

 

Respecto a esta área, o popular explicou que a hospitalización a domicilio é unha alternativa asistencial que se mostra como unha das tendencias da atención especializada e coa que se pretende evitar ao enfermo a estadía nun lugar alleo ao seu contorno habitual, prestando ao paciente no seu domicilio a atención médica e de enfermería que requira.

 

Aposta da Xunta polo hospital da Mariña

Para o deputado popular as cifras clarifican o obxectivo da Xunta de Galicia de achegar o maior número de servizos posibles aos cidadáns, o que se suma a outras accións do Goberno galego que demostran a determinación do executivo autonómico de potenciar o Hospital da Mariña dotándoo de máis servizos e converténdoo nun hospital moderno como se pode comprobar coa ampliación que se está a levar a cabo e que supón un investimento de 20 millóns de euros.

 

Por último, Vega quixo precisar de novo que coa xestión integrada hai máis e mellores servizos sanitarios no Hospital de Burela, “que sigue avanzando pois non debemos esquecernos de que está en plena ampliación”.

 

Escoita activa

Con esta xuntanza, Daniel Vega e Jaime de Olano proseguiron coa rolda de xuntanzas que está a levar a cabo coa afiliación mariñana, e a través das que se pretende escoitar a simpatizantes e á cidadanía en xeral, así como levar as súas propostas alá onde o Partido Popular ten representación política e institucional.