Partido Popular de Lugo

Daniel Vega lembra en Lourenzá que a reforma sanitaria ten como obxectivos primordiais beneficiar aos pacientes e reforzar o funcionamento do hospital

LOURENZA, 9 de outubro de 2017.- O deputado no Parlamento de Galicia, Daniel Vega, lembrou en Lourenzá que a reforma sanitaria ten como obxectivos primordiais beneficiar aos pacientes e reforzar o funcionamento do hospital. O popular fixo esta valoración durante a reunión que mantivo a última hora desta tarde con afiliados e simpatizantes da zona, e coa que retomou os encontros que os deputados desta formación política veñen mantendo nos últimos meses coas distintas agrupacións de A Mariña.

 

Deste xeito, Daniel Vega trasladou aos asistentes a importancia “de que non vos deixedes enganar, pois os mesmos que encabezan as manifestacións, son os que con anterioridade defendían unha área con Ferrol, e o único que perseguen é confundir aos cidadáns da comarca”. Proba delo, é que os grupos políticos da oposición votaron en contra da proposta presentada polo Grupo Parlamentario do PP, na que se sometía aprobación “a blindaxe” dos hospitais comarcais. “Aquí se viu claramente quen defende a Sanidade e quen non”, afirmou Vega.

 

Neste senso, non dubidou en restar credibilidade ao suposto éxito da concentración do outro día, xa que o número de participantes tan só representa un 2,5% da poboación total que atende o hospital.

 

Apoio indiscutible da Xunta de Galicia

A xuntanza, que se enmarca dentro da serie de reunións que o representante na Cámara galega está a manter coas distintas agrupacións e compañeiros do PP desa comarca para escoitar e recoller as súas propostas e demandas, tamén expuxo aos asistentes o importante investimento que a Xunta de Galicia está a realizar neste municipio, facendo unha clara aposta polos sectores produtivos da zona, o emprego e a mellora da calidade de vida no rural.

 

En total, o Goberno galego destina preto de 1 millón de euros á potenciar a agricultura, a través das axudas concedidas para o desenvolvemento da festa da faba, das da PAC e das dirixidas ás pequenas explotación, así como a outras actuacións. É o caso das realizadas no polideportivo municipal e no CEIP Juan Rey; na mellora de camiños rurais, a través do Plan Marco; no contorno do mosteiro de San Salvador e na sinalización e melloras do Camiño, ou o obradoiro de emprego, que este municipio comparte con Lourenzá.

 

Seriedade e cordura”

Daniel Vega contrapuxo así “a forma de gobernar que temos uns e outros”, insistindo na “idea de unión da que carecen outros partidos e que, sen embargo, é patente no Partido Popular”; o que permite, dixo, “realizar todas estas inversións, grazas á xestión dun Goberno que traballa cunha folla de ruta clara”.

 

“Fronte a eles, e non hai máis que ver o que está a pasar co Goberno local, que acaba de quedarse en minoría, nós temos unha base que sabemos que seguirá respostando ás demandas dos cidadáns”, destacou.

 

A este respecto, o deputado remarcou que, “cando un Partido demostra seriedade e cordura, é que funciona”, pois “a alternativa que ofrece neste caso o Partido Socialista é a incertidume interna”. “Cando dentro da casa non son capaces de xestionar, moito menos o serán se acadan responsabilidades de goberno”, concluiu.