Partido Popular de Lugo

O PP de Burela denuncia as mentiras do alcalde sobre as actuacións levadas a cabo pola Xunta no colexio Vista Alegre

BURELA, 2 de outubro de 2017.- O grupo municipal de Burela denuncia as mentiras do alcalde sobre as actuacións levadas a cabo pola Xunta de Galicia no colexio Vista Alegre, e que foron explicadas “perfectamente” en días pasados polo responsable da delegación autonómica lucense.

 

Por este motivo, os populares consideran que o rexedor “ten unha afección realmente lamentable, de mentir cando se levanta e de non parar de facelo ata que se deita”. A esta dinámica totalmente criticable e censurable, súmanse as recentes declaracións do tenente alcalde, sobre todo, cando “estes non fixeron nada a maiores do que se comprometeron con anterioridade”.

 

Proba delo, e así o poden demostrar con documentos os populares, é que o 28 de setembro de 2016, os socialistas manifestaron por escrito a súa vontade de ceder ao colexio o chan de seguridade que se ía retirar do parque Rosalía de Castro para adecentar a zona de xogos infantís. Dita colocación, cómpre destacar, sería executada pola entidade local.

 

Durante o verán fixéronse as obras, que consistiron na colocación da soleira de cemento, e, a principios de setembro, instaláronse os distintos elementos de ocio infantil, quedando por colocar o solo de seguridade, que se está a facer nestes momentos de forma “case que clandestina e opaca, pois alcalde e o primeiro tenente alcalde veñen de facerse unha foto ás agochadas e de improvisto; actuación que non ten palabras para ser descrita”, puntualizan os populares.

 

“Non entendemos o atrevemento do sr. Llano e compañía de intentar despretixiar a actuación da Xunta de Galicia, cando son eles os que están faltando á verdade”. Por este motivo, os populares consideran que “isto teno que saber a xente de Burila e a comunidade educativa. Non se está a facer nada que non fose unha obriga do Concello”, defenden.