TRABADA, 30 de setembro de 2017.- O voceiro do PP de Trabada, José Manuel Yanes Ginzo, remarca que a colaboración da Xunta Galicia para dotar a este Concello do servizo de transporte ao hospital supón “un fito histórico”. E é que, grazas “á profunda sensibilidade que está a demostrar a administración autonómica, por primeira vez este municipio contará con tal prestación”, destaca o popular.
Deste xeito, tanto o Goberno galego como o Partido Popular, souberon recoller “o sentir” dos veciños sobre este asunto. Proba delo é que a semana pasada foi o propio Ginzo o que se dirixiu ao Executivo de Feijóo para solicitarlle a incorporación neste plan dito servizo; unha petición que foi atendida “con celeridade e intelixencia, pois tan só unhas horas máis tarde, se nos deu unha resposta que, ademais, foi dada a coñecer a través dos medios de comunicación”, sinala.
Concretamente, o PP soliciyou que se proporcionase esta cobertura, pois son moitos os cidadáns os que a demandaban. Por este motivo, Ginzo pon en valor agora que o Executivo de Feijóo actuase con “dilixencia”, demostrando con elo, precisa, “a altura de miras que lle faltou ao dirixentes locais”.
E é que, a alcaldesa, quen, “a pesares de estar en condicións e lexitimada para facelo”, non manifestou ningunha proposta de mellora no prazo habilitado pola administación autonómica -30 de maio-10 de xuño-, recoñecendo a súa conformidade co proxecto. Asemade, lembra o popular, a alcaldesa sabía que a elaboración do cuestionario de necesidades remitido ao inicio do proceso de revisión do mapa de transporte non era suficiente se despois, unha vez que se deseñan as liñas, dende os concellos non alegan propoñendo as modificacións oportunas, como aconteceu neste caso.
Por tanto, se a responsable municipal presentase as alegacións, posiblemente estas serían tidas en conta xa naquel momento, abríndose así a posibilidade de mellorar a situación actual, e realmente demostraría que si pensa no interese global dos veciños, como así o fixeron outros concellos e incluso outros compañeiros de Partido, como os rexedores de Alfoz ou O Valadouro, “e, recentemente, o facemos nós como grupo da oposición”, conclúe o popular.