Partido Popular de Lugo

O PP de Castroverde asegura que velará porque se cumpra o acordo alcanzado onte por unanimidade no Pleno para a posta en funcionamento da residencia e do centro de día para persoas maiores

Castroverde, 28 de setembro de 2015.- O Grupo Municipal do PP de Castroverde asegura que velará porque se cumpra o acordo alcanzando onte no Pleno por unanimidade, a iniciativa do PP, para a posta en funcionamento da residencia e do centro de día para persoas maiores.

 

Os populares presentaron unha moción de urxencia para o Pleno que se celebrou onte para esixirlle á Deputación de Lugo e á Sociedade Urbanística Provincial de Lugo, Suplusa, a apertura “á maior brevidade posible” destes dous centros.

 

Desde o PP avanzan que elaborarán un boletín informativo que farán chegar a todos os veciños e veciñas para que coñezan o acordo adoptado no Pleno e os traballos que os populares están levando a cabo para que a apertura da residencia e o centro de día sexa unha realidade “canto antes”. “Queremos que sexan partícipes do noso traballo e que teñan a seguridade que seguiremos velando porque esas instalacións abran as súas portas”.

 

A voceira do PP, María Gómez, agradece a boa disposición dos Grupos da Corporación ao apoiar a moción que presentaron para que a Deputación de Lugo e Suplusa axilicen os trámites para abrir estes centros. Desde o PP consideran que a súa apertura é un tema primordial para o Concello, polo que valoran o feito de que a moción contara co apoio unánime da Corporación.

 

María Gómez agarda que o “cambio de actitude” amosado onte no Pleno polo rexedor signifique e supoña unha nova etapa de colaboración entre o Goberno local e a oposición, un avance que os populares e a veciñanza saudarían. “Onte apoiaron a nosa moción porque saben que é beneficiosa para os intereses de todos os veciños de Castroverde, esperemos que apoien as próximas nas que sempre defendemos unha mellor calidade de vida para a veciñanza”, precisa a voceira.

 

Unhas instalacións rematadas

O Grupo Municipal do PP recorda que xa hai dous anos, concretamente no mes de setembro de 2015, foi solicitado o permiso de inicio de actividade (PIA) e xa remataron as obras e o equipamento destas infraestruturas. Sen embargo e a pesar de que estes edificios están rematados e mesmo inaugurados, a data de hoxe, continúan baleiros.