Partido Popular de Lugo

O PP solicita consignación presupostaria en 2018 para facer en Arcadio Pardiñas “o que xa se tiña que ter feito”

BURELA, 27 de setembro de 2017.- O PP de Burela vén de rexistrar no Concello unha moción, “practicamente igual” á presentada no seu día sobre a problemática de Arcadio Pardiñas, e que, no seu caso, foi tratada como rogo, xa que implicaba a consignación de cartos para o exercicio presupostario do presente ano.

 

Na iniciativa presentada, solicitan concretamente que os traballos a executar se contemplen nos presupostos do ano 2018, “e que o goberno debería estar elaborando a estas alguras do ano”. Neste senso, explican que optan por esta vía porque que o alcalde, cinco meses despois, “nada fixo para arreglar a desfeita que el mesmo montou, incumprindo parte do proxecto de obra redactado pola técnico municipal, e asumindo unha parte, e outra non, do informe da policía local”.

 

Por este motivo, os populares consideran que o rexedor debería ter en conta as máis de tres mil sinaturas que lle presentaron hai cinco meses. “Se ten motivos para non atender as peticións, deberá expoñerllo aos veciños con rigor e con argumentos, pero lonxe dos aspaventos e desprezos que empregou hai tempo”, critican.

 

Solo dotacional

O grupo municipal do PP tamén presentou unha moción para que o Concello merque solo dotacional. A este respecto, indican que esta iniciativa xurde unha vez que no PXOM, “documento que non apoiou o PSOE”, hai bolsas de solo dotacional, e que é o que marca a lei para poder instalar dotacións educativas, sociais, ou deportivas.

 

“Témoslle escoitado ao alcalde algunhas declaracións que, de non contar con solo dotacional, non teñen ningún futuro, polo que entendemos que primeiro hai que facer é unha memoria do que se quere facer realmente e despois consignar cartos nos presupostos de 2018 para mercar terreos con esa cualificación urbanística”, precisan.

 

Os populares lembran, ademais, que “agora mesmo, o concello non conta con solo dotacional, e esta circunstancia é un impedimento absoluto para facer ningunha planificación rigorosa de novas equipacións de cara ó futuro”.