Partido Popular de Lugo

O PP de Castroverde esíxelle á Deputación de Lugo e a Suplusa a apertura “á maior brevidade posible” da residencia e do centro de día para persoas maiores

Castroverde, 27 de setembro de 2015.- O Grupo Municipal do PP de Castroverde presentou unha moción de urxencia para o Pleno que se celebra esta tarde na que se esixe á Deputación de Lugo e á Sociedade Urbanística Provincial de Lugo, Suplusa, a apertura “á maior brevidade posible” da residencia e do centro de día para persoas maiores.

 

A voceira do PP, María Gómez, explica que xa pasaron máis de dous anos desde a inauguración por parte do señor Besteiro da residencia emprazada no noso Concello e dende que foron seleccionadas 67 persoas para traballar nas residencias para persoas maiores construídas por Suplusa.

 

Os populares consideran “que a apertura da residencia e do centro de día para persoas maiores en Castroverde é e debe ser un tema prioritario no noso Concello”.

 

“Hai xa dous anos, concretamente no mes de setembro de 2015, foi solicitado o permiso de inicio de actividade (PIA) e xa remataron as obras e o equipamento destas infraestruturas. Sen embargo e a pesar de que estes edificios están rematados e mesmo inaugurados, a data de hoxe, continúan baleiros”, relata a voceira.

 

Son moitas as novas que os medios de comunicación reflicten sobre o futuro das residencias e centros de día construídos na provincia, previa encomenda de xestión por parte da Deputación Provincial de Lugo no ano 2010, pola Sociedade Urbanística Provincial de Lugo, S.A, na maioría dos casos sembrando dúbidas sobre o seu futuro.

 

Desde o Grupo Municipal sinalan que cada día que pasa sen poñer en funcionamento a residencia e o centro de día imposibilita que os maiores do noso Concello poidan desfrutar destes servizos e mellorar a súa calidade de vida. Os populares trasladan esta petición ao Pleno á vista da ausencia de pronunciamentos ou actividades reivindicativas por parte do alcalde respecto á posta en marcha da residencia e do centro de día no noso municipio.

 

Motivación de urxencia

Os populares fan esta petición despois de que o Consello de Administración de Suplusa acordara tramitar o expediente correspondente á Inscrición de SUPLUSA no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) para que a Sociedade obteña o recoñecemento como entidade prestadora de servizos sociais por parte da Comunidade Autónoma, o paso previo e imprescindible para abrir as residencias.

 

A maiores, recentemente tivo lugar a elección dun novo presidente de Suplusa motivada pola desidia e falta de xestión na Sociedade por parte do anterior responsable, que se comprometeu a impulsar a súa apertura.