Partido Popular de Lugo

O PP Ribadeo agradece que Medio Rural impulsase un convenio para a adquisición dun tractor, “co fin de mellorar o estado das vías municipais”

RIBADEO, 26 de setembro de 2017.- O PP de Ribadeo agradece que a consellería de Medio Rural impulsase un convenio para financiar a compra dun novo tractor-desbrozadora que permitirá manter limpas as vías municipais. Deste xeito, o voceiro desta formación política neste municipio, Jesús López Penabad, destaca a colaboración do Goberno galego, pois a adhesión da entidade local a esta iniciativa redunda “no beneficio dos intereses dos veciños”.

 

Concretamente, a Xunta de Galicia, a través do departamento autonómico, ofreceu ao Concello asinar este acordo para o mantemento libre de maleza das infraestruturas rurais, as redes secundarias de faixas de xestión de biomasa e determinadas parcelas de titularidade municipal.

 

Deste xeito, a través desta colaboración, o Goberno galego financiará con 90.000 euros a adquisición dun vehículo tractor e dous apeiros rozadora (unha de arrastre e outra de brazo) para realizar estes labores de limpeza.

 

“Trátase dunha importante achega que contribuirá tamén á mellora da calidade de vida no rural, ao ter en condicións óptimas a rede viaria, e a loita contra os incendios forestais”, precisa o voceiro popular, pois o vehículo pasará ao parque móbil municipal unha vez que se produza a sinatura.

 

Os populares poñen en valor, por tanto, “a sensibilidade e a vontade colaboradora que demotra o Executivo de Feijóo”, pois a conservación das estradas e camiños de Ribadeo necesitan dunha importante cantidade de recursos e de grandes esforzos.

 

“A conservación en bo estado e libre de maleza das cunetas e das marxes dos camiños e estradas é un elemento de vital importancia para manter o bo estado dos firmes e a seguridade na circulación sobre eles e para a prevención de incendios”, destaca Penabad.

 

Apoios de Medio Rural

Esta importante iniciativa dá continuidade “ao continuos apoios” da consellería de Medio Rural. E é que este departamento está a realizar unha importante aposta por mellorar os servizos no rural de Ribadeo con outras iniciativas como o Plan Marco de mellora de camiños ou o convenio de prevención de incendios, remarcan dende o grupo municipal.