Partido Popular de Lugo

O PP considera “moi importante” ter acadadado “un posicionamento claro” de apoio da Deputación e do seu Goberno aos 67 traballadores das residencias de maiores

Lugo, 26 de setembro de 2017.- O Grupo Provincial do PP acada hoxe en Pleno a unanimidade para que a Sociedade Urbanística salvagarde os dereitos das persoas que superaron os procesos selectivos para a xestión dos centros de atención á terceira idade no ano 2015 e, neste mesmo senso, acordouse que a Sociedade, na maior brevidade posible, informe a cada unha destas persoas sobre a súa respectiva situación laboral. Independentemente das competencias que ten o Consello de Suplusa, os populares consideraban “moi importante lograr o posicionamento claro da Deputación e nominativamente do seu Goberno en apoio a estes 67 traballadores, para resolver calquera problema de interpretación e de dúbidas”.

 

O deputado do Grupo Popular, José Antonio García, considera que a situación á que se chegou é un “despropósito ademais de ser o paradigma de que se está ante unha lexislatura chea de incongruencias por parte do PSOE na Deputación”.

 

Neste senso, o deputado do PP lembrou que en maio do 2015 realizouse o proceso de selección das 67 persoas que prestarían as súas funcións nas residencias da Deputación. Transcorridos “ano e medio dende aquela as persoas seleccionadas non saben nin cando empezarán a traballar nin en que condicións”, é dicir, “estanse vulnerando de forma flagrante os dereitos destas persoas”.

 

José Antonio García tamén recordou que este proceso se levou a cabo ás portas dunhas eleccións e mesmo dende o PSOE anunciábase que empezarían a traballar en setembro de 2015. Durante estes anos “o PSOE obstinouse en non inscribir a Suplusa como Entidade Prestadora de Servizos Sociais, incluso intentando impugnar os acordos plenarios e obrigando a “ter unhas residencias baleiras”.

 

O popular precisou que “co cambio de presidente vaise polo bo camiño e no último Consello de Administración de Suplusa acadouse o acordo para salvagardar os dereitos destes traballadores e agora o Grupo do PP logra de novo “un posicionamento claro” que obriga a dar resposta a estas 67 persoas.

 

“Non se poden permitir residencias sen maiores, nin maiores sen residencia, nin residencias sen traballadores, nin traballadores sen traballo”, concluíu.