Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial do PP interesarase no Pleno polos plans que a Deputación ten para rehabilitar o pazo mindoniense de Bon Aire

Lugo, 22 de setembro de 2017.- O Grupo Provincial do PP presentará unha pregunta no Pleno da Deputación para coñecer os plans que o Goberno de Darío Campos ten para rehabilitar o pazo mindoniense de Bon Aire, situado xunto á igrexa parroquial de Masma, unha vez que está a piques de rematar o convenio para a súa cesión co Bispado, o seu propietario.

 

Os populares precisan que a infraestrutura leva anos completamente abandonada e presenta un estado ruinoso, o que dificulta que poida dárselle uso. Indican ademais que o convenio asinado no seu día entre a Deputación e o Bispado establece que o edificio ten que volver ao seu propietario no seu estado primitivo. Sendo así, a Deputación tería que intervir e acometer a súa recuperación antes da súa entrega.

 

Desde o Grupo Provincial do PP agardan que o Goberno do socialista Darío Campos conte cun plan e un calendario de actuacións de cara a recuperar e rehabilitar este pazo, emblemático na cidade de Mondoñedo. De non ser así, os populares converterán a súa pregunta nun rogo para que a Deputación actúe á maior brevidade posible no inmoble de cara á súa recuperación.

 

Visita de Besteiro no ano 2007

Na década de 1980 o pazo foi cedido pola Deputación a unha asociación de toxicómanos para labores de desintoxicación e de rehabilitación. Anos despois un incendio destruíu o edificio case por completo e desde entón o seu estado é de total abandono. Xa no ano 2007 nunha visita do presidente socialista Gómez Besteiro apuntaban a necesidade de recuperalo, intención á que se sumaba o tenente alcalde, tamén do PSOE, Modesto Díaz.

 

Desde o PP interesaranse no Pleno por saber se o Goberno da Deputación ten previsto realizar algunha intervención a curto prazo no pazo de Bon Aire, dada a complexidade da rehabilitación do pazo, sobre todo en termos económicos, e respectando a negociación que poida existir entre as partes. “Non podemos ocultar que nos preocupar que siga estando así, polo que esperamos as explicacións oportunas por parte da Deputación”, resumen os populares.