Partido Popular de Lugo

Julia Rodríguez: “Os convocantes terán que explicarlle aos cidadáns por qué se manifestan contra a mellora da sanidade pública en Monforte”

Venres, 22 de setembro de 2017.- A voceira do PP de Monforte e deputada provincial, Julia Rodríguez, asegura que os convocantes da manifestación do 8 de outubro “terán que explicarlle aos cidadáns por qué se manifestan contra a mellora da sanidade pública en Monforte”. A popular fixo estas declaracións nunha reunión informativa na sede do partido na que tratou de desenmascarar as mentiras que se están a trasladar sobre a modificación da Lei de Saúde Pública. No encontro estivo acompañada por outros cargos do partido na provincia, como a deputada Encarna Amigo e a secretaria da Mesa do Parlamento, Raquel Arias.

 

A popular lamenta que sempre que se producen cambios que benefician aos doentes sexan “os de sempre” os que tratan de confundir cando todos os veciños e veciñas saben que hoxe o hospital presta mellores e máis servizos. De feito, no hospital de Monforte, tal e como acreditan os datos, tense feito un investimento de máis dun millón de euros, que permitiu, por exemplo, adquirir un ecocardiógrafo, ademais dun detector radiolóxico dixital, un mamógrafo e facer diferentes obras en equipamento.

 

Outro dos datos que non deixa lugar á interpretación, explica Rodríguez, é que desde o ano 2012 ata o primeiro semestre de 2017 se realizaron un total de 10.440 actos médicos de profesionais que se desprazaron desde Lugo, o que evitou que os doentes tiveran que desprazarse ao HULA, principalmente en oncoloxía.

 

Cos datos na man, asegura, os convocantes quedan desacreditados “porque en todos estes anos non ocorreu nada do que eles presaxiaron, polo que o único que os move son os seus propios intereses políticos e sindicais, pero non a defensa dos cidadáns nin o seu benestar”.

 

A popular pídelles aos “atacantes da sanidade pública” que deixen de remar contra corrente e, por unha vez na vida, arrimen o ombreiro e traballen, “como estamos a facer nós”, por seguir sumando prestacións ao noso hospital. “Deixen a política a un lado, os seus intereses partidistas e os seus agoiros fallidos e súmense ao progreso desta cidade, porque llelo agradecerán todos os veciños e veciñas”, engade.

 

“Se esta reforma tivera unha soa liña que prexudicara aos intereses de Monforte e dos nosos cidadáns alí nos atoparían, pero todos os datos evidencian que o doente será o beneficiado, e ese é o obxectivo que move a nosa acción e o noso apoio incondicional con esta reforma”, apunta. Rodríguez engade que todo o que dixeron os populares os anos pasados se fixo realidade, como o feito de que os médicos veñan de Lugo operar a Monforte, “pese á incredulidade e á negación de moitos que de novo demostran que non queren que a sanidade mellore ou evolucione”.

 

Monforte, o hospital de referencia na Comarca

Dado que os feitos son os que serven, Encarna Amigo puxo en valor as garantías que ofrece a nova Lei, tanto na calidade asistencial como no mantemento das instalacións e servizos, "pois os doentes son os grandes beneficiarios".

 

E é que a nova normativa, lonxe de supoñer unha perda de servizos "permitirá que os hospital saia reforzado". Polo tanto, "situarse en contra do modelo que regula os distritos sanitarios supón dicirlles non aos enfermos que son atendidos en Monforte e provocar o seu traslado ao hospital de Lugo”, destacou a deputada autonómica.

 

Así, engadiu, o de Monforte será o hospital de referencia na Comarca de Lemos, dende o que se coordinarán todos os centros de saúde, o propio hospital e a atención sociosanitaria .