Partido Popular de Lugo

Jesús Fernández agradece que a Xunta destinase nos dous últimos anos máis de 1,6 millóns a potenciar o sector agrario e a crear emprego en Navia de Suarna

NAVIA DE SUARNA, 21 de setembro de 2017.- O PP de Navia de Suarna subliña que, coñecido o dato de que a Xunta de Galicia investiu nos últimos dous anos máis de 1,6 millóns de euros no municipio, podemos concluir que “é a administración que máis inviste con diferencia no noso municipio”. Así o pon de relevo o voceiro, Jesús Fernández, logo de asistir no día de onte á visita realizada polo delegado territorial, José Manuel Balseiro, ás obras realizadas ao abeiro do Plan Marco no lugar de Villameixide, e que está destinado á mellora de camiños de titularidade municipal.

 

“Temos que agradecer esta colaboración, pois trátase dunha inversión que non é menor e que permite impulsar o agro; outra cuestión que tampouco é menor, xa que somos un municipio eminentemente gandeiro e agrícola, polo que os veciños viven practicamente deste sector. Por tanto, creo que é de recibo destacar o esforzo inversor do Goberno galego. Estamos en plena comarca de Os Ancares, polo que as características de Montaña fan que calquera inversión supoña un importante avance na calidade de vida dos veciños”, destaca Fernández.

 

Asemade, o popular quere tamén subliñar e facer un recoñecemento “á esencia” do Plan Marco. “Digo isto porque, grazas a esta iniciativa son máis de 100.000 euros cos que o Concello poderá mellorar accesos a fincas das explotacións, o cal permitirá que os gandeiros da zona poidan medrar e ser máis produtivos”. A isto, subraia, “non nos podemos esquecer da PAC; outra importante axuda económica que supón un pulo ao desenvolvemento da actividade agraria”.

 

Tampouco quere deixar de mencionar outros investimentos citados polo delegado territorial que permiten crear máis emprego, protexer a nosa zona dos lumes e prestar unha mellor atención ás persoas, grazas ao reforzo do servizo de axuda no fogar.

 

“En definitiva, onte puidemos comprobar como a Xunta de Galicia non abandona á Montaña, e faino con iniciativas concretas e específicas para que Navia de Suarna teña mellores e máis servizos. Cremos que o Goberno galego non só xestiona ben os fondos públicos, senón que ademais o fai centrándose nas condicións dunha comarca coma a nosa que ten unha forte dispersión xeográfica”, conclúe.