Partido Popular de Lugo

Daniel Vega: “as axudas do GALP A Mariña-Ortegal, que superan o 1,1 millón de euros, permiten potenciar o proxecto en común que é A Mariña”

A MARIÑA, 21 de setembro de 2017.- O deputado autonómico e secretario de organización do PP de Lugo, Daniel Vega, subliña que a axudas do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) A Mariña-Ortegal, que superan o 1,1 millón de euros, permiten potenciar “o proxecto en común que é A Mariña”. O popular fai esta afirmación, unha vez que se deu coñecer, que os proxectos que se desenvolverán ao abeiro desta iniciativa “impulsarán o tecido socioeconómico e produtivo da Comarca”.

 

Trátase, por tanto, “dunha iniciativa extraordinaria”, que permitirá reactivar a economía local, xa que supón, afirma, “unha importante inxección económica para moitas empresas, que, non podemos esquecer, son as que xerán negocio e sustentan o emprego na Mariña”.

 

Pero ademais, insiste, o seu ámbito de actuación é moi amplo. “É un plan moi ben pensado e estudado para mover a economía local”. Proba delo, é que entre os 15 proxectos aprobados se inclúen iniciativas de restauración e turísticas (hoteis, restaurantes, apartamentos, etc.), outras no ámbito do lecer ou da formación, así como accións encamiñadas a apoiar a aposta das empresas pesqueiras pola introdución de innovacións tecnolóxicas para a distribución de peixe e marisco, pesca artesanal, almacenamento frigorífico ou comercialización deste tipo de produtos. Tamén un dos proxectos beneficiarios redunda na importancia natural na contorna mariñeira.

 

En concreto os proxectos desenvolveranse nos municipios de Ribadeo, Mondoñedo, Viveiro, Foz e Burela. Os Grupos de Acción Costeira son asociacións de carácter local constituídas polas organizacións do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola, organizacións sociais, medioambientais e culturais do sector empresarial e polas administracións locais, que adoptan a forma xurídica de asociación. Nestes grupos, o protagonismo é do propio sector pesqueiro, que ten na Xunta Directiva dos Grupos a metade dos seus membros.