Partido Popular de Lugo

Ana Díaz confirma en Lugo que a Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía sera debatida a vindeira semana no Parlamento para a súa aprobación definitiva

LUGO, 21 de setembro de 2017.- A directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, confirmou esta tarde que a vindeira semana debaterase no Parlamento de Galicia a Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía. Foi no transcurso da reunión da Xunta Directiva Provincial, que estivo presidida por Elena Candia, e na que a responsable do departamento autonómico explicou aos voceiros e alcaldes do PP de Lugo o contido do texto que xa foi aprobado polo Consello da Xunta, e que persegue como obxectivos prioritarios loitar contra o maltrato animal, no só na súa representación como violencia extrema; senón tamén noutras formas de manifestación, tales como someter aos animais a condicións hixiénicas e sanitarias moi cuestionables.

 

Neste senso, a lei recolle a prohibición do uso de todo tipo de ferramentas destinadas a impedir ou limitar a mobilidade dun animal que lles produza danos ou sufrimentos ou lle impida manter a súa posición normal. A modo de exemplo, aclárase que no uso das cadeas, dado que o grupo de animais de compañía abarca especies con comportamentos distintos, engádese a necesidade de ter en conta as características físicas dos animais para alcanzar o seu benestar.

 

Despois do período de consultas e de información pública, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural integrou unha serie de cuestións, para mellorar a aplicación da norma e se recollera o parecer e a sensibilidade das asociacións e dos axentes intervintes nesta materia concreta do medio ambiente, que se puideran sentir afectados pola mesma, directa ou indirectamente.

 

Así, co fin de protexer a vida e garantir o benestar dos animais, sinálase como obriga abrevar e alimentar aos animais durante o transporte e de empegar equipos axeitados na carga e descarga que non produzan sufrimento e queda prohibido o seu transporte nos maleteiros totalmente pechados e sen ventilación axeitada, así coma atalos a vehículos de motos en marcha.

 

En relación coa estruturación do texto, esta baséanse nunha división máis sinxela e nítida das distintas materias a regular, definindo claramente o concepto de animal de compañía, que comprende tanto aos animais domésticos como a aqueles animais silvestres mantidos en catividade con fins distintos aos produtivos, sexan ou non potencialmente perigosos en ambos casos.

 

Cómpre lembrar que esta normativa non será de aplicación aos animais destinados ao aproveitamento produtivo, aos pertencentes á familia dos équidos domésticos, aos empregados en calquera espectáculo taurino, aos animais silvestres no medio natural e aos empregados para experimentación.

 

Outro dos retos que se pretende paliar é o abandono de animais domésticos, que orixina un grave problema nos centros municipais de recollida de animais abandonados; polo que a nova lei potencia e facilita a adopción dos animais abandonados, de xeito que o sacrificio sexa o último recurso ao ter fallado as posibilidades anteriores e que sempre deberá ser prescrito e efectuado por un profesional veterinario. Unha das medidas que destacan son a creación de fogares de acollida, cun réxime de acollemento temporal nos que se garanta o coidado, atención e condicións hixiénico sanitarias que precise e estará condicionado á devolución inmediata do animal no caso de que aparecese un adoptante definitivo válido, polo que se prohibe a adquisición de animais de compañía por menores de 16 anos.

 

A norma introduce a obriga de identificación en todos os casos dos animais de compañía de especie canina, mediante un microchip e a inscrición do Rexistro galego de identificación de animais de compañía- Regiac; unha medida que axudará a minorar a lacra do abandono, xa que resultará máis sinxelo identificar ao titular do animal. Neste sentido, despois do período de información pública, decidiuse ampliar o prazo para a comunicación do cambio de titulariade ou morte a un mes, polo que se fixa un período de 10 días para a comunicación ao Regiac.

 

Neste obxectivo é moi importante o labor que desenvolven en materia de protección e benestar animal as asociacións de defensa e protección dos animais, que deberán inscribirse no Rexistro Galego de Asociacións, dada a importancia da labor que desenvolven, polo que se prevé a a posibilidade declaralas como entidades colaboradoras da Xunta de Galicia e, de ser así, poder subscribir convenios de colaboración con especial énfase na divulgación e educación para a tenza destes animais.

 

En relación cos animais potencialmente perigosos, ademais de establecer o seu concepto e de concretarse as razas de can que teñen tal consideración, establécese a obriga da obtención previa da licenza municipal para poder obter un can desta categoría, can que deberá ser inscrito no rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.

 

Na nova lei tamén se establece un artigo sobre as aves de presa en catividade, para as que será necesario obter previamente unha autorización administrativa concedida pola consellería competente, á vez que deberán ser identificadas individualmente con microchip ou anela e inscribirse na sección correspondente do Regiac.

 

Divulgación, educación e formación

Prestar especial atención á divulgación e educación e formación de protección ambiental facendo fincapé en que a tenza responsable é o mellor e principal instrumento para prever o abandono e o maltrato animal. Neste sentido, a Xunta divulgará o contido desta Lei entre os escolares e cidadáns e velará pola inclusión de contidos relacionados coa protección animal nos programas educativos que se desenvolvan no seu ámbito territorial.

 

Tamén se promoverá a realización de campañas de formación destinadas ás persoas propietarias e posuidoras de animais, co fin de garantir unha tenza acorde coas súas necesidades etolóxicas e fisiolóxicas e obter unha óptima inserción e convivencia dos animais no medio.

 

Comité Consultivo para a protección animal

A nova lei recolle a creación do Comité Consultivo para a Protección Animal, como órgano de estudo, consulta e asesoramento adscrito á Consellería competente en materia de protección animal. Non obstante, o Consello Galego de Protección de Animais domésticos e salvaxes en catividade seguirá en funcionamento en tanto en canto non se publique o desenvolvemento regulamentario do novo Comité consultivo.

 

As funcións que terá son a emisión de informes e ditames, así como a realización de estudios que solicite a Administración competente; e promover estudos de planificación e coordinación nesta materia.

 

A súa composición deberá garantirse a presenza de todas as consellerías que gardan relación con esta materia, da Federación Galega de Municipios e Provincias, das asociacións de protección e defensa dos animais, o Consello Galego de Colexios Veterinarios, así como das entidades de carácter medioambiental.

 

Boa participación

Na xuntanza, presidida por Elena Candia, participaron, ademais da directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz; os integrantes da Xunta Directiva Provincial; alcaldes; voceiros e deputados provinciais e autonómicos: o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo; vicepresidente tamén deste órgano directivo; ou o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.