Partido Popular de Lugo

Elena Candia considera que a adxudicación da redacción dos proxectos da electrificación Monforte-Lugo “é un claro exemplo de que o Goberno non deixará a Lugo sen a Alta Velocidade”

LUGO, 20 de setembro de 2017.- A presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, considera que a adxudicación da redacción dos proxectos da electrificación Monforte-Lugo, anunciada por Adif, “é un claro exemplo de que o Goberno non deixará a Lugo sen AVE”. A popular fai esta valoración logo de que se fixese público este investimento que se aproxima aos 2 millóns de euros, e que afecta a un treito de 70 quilómetros e permitirá dar continuidade á electrificación xa en servizo Ourense-Monforte e León-Monforte.

 

“Cremos que se trata, sen lugar a dúbidas, dun paso moi importante no desenvolvemento da mellora das comunicacións a través da Alta Velocidade e que pon en valor o compromiso dun Goberno que está a traballar polas demandas dos lucenses e as necesidades da nosa provincia”, afirma.

 

Neste senso, subliña, “estanse a dar pasos firmes. Xa o dixo en agosto o propio ministro na visita ás obras da A-54, cando explicou que, proximamente, se licitaría a electrificación e o reforzamento naqueles treitos nos que as vías convencionais se van a converter en vías de alta capacidade e, pola outra, nas que cambian de trazado, seguir tramitando os proxectos construtivos para proceder á súa licitación”.

 

Como lucense, a dirixente popular agradece así que se estean avanzando nos trámites para o impulso da Alta Velocidade á provincia e ratifica o seu compromiso de seguir traballando “para que así sexa”.

 

O obxectivo do contrato adxudicado ten un prazo de 12 meses e detallará o traballos que se executarán na fase de obras. Isto permitirá un incremento na potencia das circulacións ferroviarias e, en consecuencia, a diminución dos tempos de viaxe entre as dúas provincias do interior. Por tanto, indica, “penso que imos na boa dirección”, pois o investimento previsto nesta actuación supera os 83 millóns de euros.