Partido Popular de Lugo

O PP de A Fonsagrada pon en valor que a Xunta reforce o servizo de axuda no fogar neste Concello con preto 30.000 horas máis ao ano

A FONSAGRADA, 18 de setembro de 2017.- O Partido Popular de A Fonsagrada agradece o compromiso da Xunta de Galicia coa atención á dependencia neste municipio, e que se traduce nunha ampliación considerable do servizo. En total, son 29.946 horas máis anuais, ou o que é o mesmo, 2.496 mensuais. Este aumento supón tamén un incremento do número de beneficiarios que, neste concello, se estima no 46%.

 

“Aquí temos un exemplo claro de que as persoas son a prioridade do Goberno galego. Grazas a este aumento, os veciños que teñen limitada a súa autonomía van poder ter unha mellor calidade de vida, pero tamén as súas familias ou coidadores. Por este motivo, queremos poñer en valor o extraordinario traballo do presidente Feijóo neste senso”, subraia o voceiro do PP, Tobías Martínez.

 

E é que, ademais , indica o popular, “blindar esta axuda, é blindar os postos de traballo que hai no municipio para atención á dependencia”. “Este é un servizo moi demandado na Fonsagrada. Temos unha dispersión importante e unha poboación moi avellentada. Por tanto, xa non só como grupo político, senón tamén como veciños, non podemos esta máis agradecidos da Xunta de Galicia”, destaca.

 

Efectivo a partir deste mesmo mes

Este servizo farase efectivo a partir deste mesmo mes, tal e como indicou recentemente a consellería de Política Social. Este aumento na prestación leva consigo un importante esforzo inversor nesta provincia. Concretamente, 2,9 millóns de euros, repartidos en 25.710 horas adicionais de prestación mensuais, o que supón que, cada ano, se porá a disposición dos concellos 308.515 horas complementarias no Servizo de Axuda no Fogar.

 

A partires de setembro estarán a disposición dos concellos 148.917 horas mensuais (horas actuais máis incremento) que permitirán aumentar o tempo do servizo en todos municipios da provincia que son todos aqueles que teñen menos de 200 horas pendentes de asignar.

 

Con esta medida, a Xunta responde ás necesidades de novos usuarios dos concellos e que están pendentes de atención, habilitando a atención adecuada ás persoas demandantes con base tanto nas súas necesidades actuais como na súa situación económica. Estes novos beneficiarios do SAF sumaranse ás 2.641 persoas da provincia que ata o de agora viñan recibindo esta axuda, aumentando en máis de 1.085 persoas os potenciais beneficiarios, un 41% de incremento.