Partido Popular de Lugo

O PP de O Valadouro censura “a prepotencia” do alcalde, pois semella “que quere botar fóra de O Valadouro aos nosos empresarios, cando son eles os que xeran negocio no municipio”

O VALADOURO, 15 de setembro de 2017.- O PP de O Valadouro amósase sorprendido polas declaracións do alcalde ante a demanda dos empresarios locais de que se cree solo industrial, pois “dicir que se non lles gusta o sitio, que se vaian, é o mesmo que botalos fóra”, afirman. A este respecto, o voceiro popular, José Manuel Lamela, censura “a prepotencia” do rexedor, pois, “son precisamente estas pequenas empresas as que xeran negocio e dan traballo a outras persoas”. Asemade, matiza: “dende logo estes empresarios non se dedican como di o Sr. Maseda á recalificación dos terreos, senón que o que precisan é solo para que poidan medrar e ampliar os seus negocios”.

 

“Parécenos un despropósito dicir algo así. É inadmisible que un alcalde teña tal atrevemento. Estalles faltando claramente ao respecto e desmerecendo o seu traballo. Isto é inaudito e pon de relevo o nulo talante deste señor”, sinala Lamela.

 

Por tanto, considera que “estamos diante dun alcalde prepotente, que perde os papeis e, o que é máis grave, que os seus veciños son o que menos lle importa; demóstrao claramente, sinala o popular, cando di que o quere é atraer a empresas de fóra, desprezando aos negocios locais”. “É importante que se asenten novas empresas, claro que si, pero para iso hai que ter o polígono, pero máis importante é dar un servizo ás que temos neste municipio”, defende.

 

 

Vaille sendo hora”

En canto a que as obras comecen o vindeiro ano, segundo apunta o rexedor, o voceiro do PP non dubida en cuestionar esta afirmación, pois o responsable municipal “leva anos mentindo sobre este asunto, tal e como xa dixemos estes días. Do contrario, engade, o polígono estaría feito, pero a realidade é que non o temos e, moito nos tememos, que tampouco o teremos pronto”.

 

Polo que respecta ao comentario de que a temporalidade da infraestrutura depende de Urbanismo, Lamela aclara que, “de momento, non presentou nada de nada, nin en Urbanismo nin noutro lado. Se realmente quere facelo, vaille sendo hora de que o faga, pois xa estamos no último trimestre de 2017”.

 

E é que, ademais, tal e como se recolle nunha das actas plenarias nas que se debateu este asunto, o propio alcalde dixo que, cando hai un cambio de titularidade, hai que agardar uns anos para que se poida realizar calquera modificación urbanística. Por tanto, o voceiro popular pregúntase: como pensa logo facer o polígono en 2018? Primeiro, non comprou os terreos e logo resulta que ten que facer o cambio da propiedade; proceso que vai para tempo. O Sr. Maseda non deixa de contradicirse”, destaca.

 

Apoio unánime do PP aos empresarios

Malia todo, o voceiro do PP manifesta que o que pretende este grupo municipal é que esta obra se faga. “De feito, xa tiña que estar que estar feita, de aí que reclamemos con urxencia que se inicien os trámites porque, se algo temos claro, é que non podemos ter así abandonados aos noso empresarios, que son os que xeran riqueza”, afirma con rotundidade.

 

Asemade, aproveita a ocasión para trasladarlle o apoio unánime, tanto del, como de todo grupo municipal do PP, a todas as empresas censadas no municipio e que precisan de solo industrial para poder medrar. “Seguiremos reclamando que esta obra se faga”, conclúe.