Partido Popular de Lugo

O PP de Becerreá valora o traballo do Grupo Provincial Popular que fixo posible que o municipio poida contar cunha residencia de maiores

Lugo, 15 de setembro de 2017.- O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Becerreá, Miguel Cela, quixo hoxe agradecer de novo o traballo do Grupo Provincial do PP na Deputación de Lugo e que, segundo precisa Cela, fixo posible que o municipio poida contar cunha residencia de maiores.

 

O voceiro dos populares, que dá a benvida ás actuacións de demolición do Fogar Escola de Becerreá, considera que é de xustiza que os veciños coñezan o compromiso do PP, que posibilitou que no municipio se constrúa unha residencia, feito que sempre foi apoiado polos populares locais, que defenderon de xeito reiterado a necesidade de dotar aos veciños deste servizo.

 

O voceiro do PP de Becerreá explica que o PP na Deputación sempre apoiou todas as iniciativas que se promovían para a construción da residencia, amosando unha actitude activa a prol da residencia e empregando os mecanismos dos que dispuña para que o centro fose unha realidade, ata o punto de incluír o proxecto desta infraestrutura no acordo de orzamentos.

 

Ante esta situación, Miguel Cela asegura que os feitos demostran que se Becerreá contará nun futuro cunha residencia é grazas a que os socialistas na Deputación perderon a maioría absoluta, o que os obrigou a acatar as decisións que apoiou o PP, “sempre comprometido coas necesidades dos veciños e veciñas e facéndose eco das nosas peticións dende a formación local”.