ZARAGOZA, 9 de setembro de 2017.- A presidenta provincial do Partido Popular e alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, incidiu este sábado en Zaragoza sobre “a necesidade de realizar unha aposta decidida e comprometida para conseguir que o rural sexa un verdadeiro escenario de oportunidades no que a xente desenvolva os seus proxecto de vida e laborais”.
A presidenta do Partido Popular na provincia de Lugo centrou a súa intervención, durante a mesa que versaba sobre o reto demográfico e as entidades locais, celebrada esta mañá no marco da Unión Intermunicipal Popular, no “traballo intenso que deben realizar as administracións públicas para dotar de servizos aos núcleos de poboación rurais”.
Neste eido, a popular fixo referencia ás iniciativas promovidas en Mondoñedo tanto no eido social como de conciliación da vida familiar e laboral. Dun xeito preciso explicou que “en Mondoñedo temos en funcionamento diversas actividades da ludoteca municipal que permiten a conciliación familiar, puxemos en marcha un Centro de Día e duplicamos a inversión na Axuda no Fogar no último ano, entre outras cousas”. Ademais, engadiu que, nos últimos anos, desde o Grupo Popular na Deputación de Lugo “ estamos a ser a chave que permitirá desbloquear a parálise na que se encontran as residencias da terceira idade dende fai tempo, a consecuencia da deficiente xestión do Partido Socialista”, sinalou..
Gran pacto político para frear o declive demográfico
Elena Candia reivindicou tamén “un gran pacto político, no que o municipalismo ten que estar presente” para frear o declive demográfico que acusa Galicia e, máis concretamente, provincias como a de Lugo. “Debemos de pensar nunha estratexia conxunta que aborde tres aspectos como mínimo: a atención aos maiores e actuacións de respaldo á infancia e á xuventude; o fomento da natalidade e promover a conciliar a vida familiar e laboral; e traballar no ámbito europeo para que as actuacións teñan en conta as características de Galicia”.
No que refire ao primeiro aspecto, a popular precisou que no reforzo á atención aos maiores e nas actuacións de respaldo á infancia e á xuventude “ o noso partido, a través da Xunta, xa se comprometeu a sacar unha lei centrada no impulso demográfico cun pacto político e social, no que se incorporen institucións como a Fegamp, as universidades, ademais de expertos e grupos políticos”. Neste sendo, volveu a facer fincapé no traballo que se está a realizar dende o Grupo do PP na Deputación xa que a apertura das residencias permitirá prestar unha mellor atención aos veciños “ e reforzarase o traballo que está a realizar dende o Goberno galego, que xa atende a 49.000 dependentes”.
En segundo lugar, a dirixente popular avoga polo fomento da natalidade, así como por promover a conciliación e a corresponsabilidade, tal e como xa se está a facer dende a administración autonómica coa posta en marcha da Rede de Escolas Infantís de 0 a 3 anos, e que permitirá que Lugo conte con unha delas. “Son obxectivos ambiciosos, e que responden a un compromiso de que os 313 concellos da nosa comunidades conten con recursos de conciliación en 2020 e que a ratio das escolas infantís sexa do 40%, que agora está no 37%, por encima do 33% que recomenda Europa”.
Por último, Elena Candia recomendou que se debe traballar no ámbito europeo para que as medidas de novo financiamento teñan en conta as características especiais de Galicia: o avellentamento da poboación e a dispersión xeográfica, “e que na provincia de Lugo están moi acusadas”.
Deste xeito, Elena Candia considera que o papel da administración local “é clave” para combater o declive demográfico, xa que, dixo, “este non é só un problema social. Éo tamén económico. É o principal problema de Galicia.” Proba dilo, destacou, “é que as proxeccións para 2050 elaboradas recentemente pola oficina estatística europea (EUROSTAT) sinalan que, por cada 100 persoas en idade de traballar, a comunidade terá 77 maiores de 65 anos. Asemade, das 20 comarcas máis envellecidas de Galicia, 18 encóntranse na provincia de Lugo e Ourense. Son o 72% das 25 que ten”.
Un Goberno comprometido
A dirixente puxo así en valor o compromiso do Executivo de Feijóo, citando algunha das medidas lideradas pola administración autonómica, co fin de reducir “uns datos que demostran que o futuro demográfico non é moi alentador”. Así, explicou, que, xa nos Orzamentos de 2016, a Xunta demostrou que estaba comprometida con este problema e, máis recentemente, aprobando o Plan Estratéxico para encarrilar a súa xestión de prioridade para Galicia ata 2020.
Precisamente, este Plan amosa que “o desequilibrio da pirámide poboacional abócanos a ser un país de escasa relevancia e actividade económica”. Hoxe a Comunidade reúne o 5,9% da poboación española. A comezos do século XX, en Galicia residía o 10,6% do total e, ao longo deste século, experimentou diversos fenómenos demográficos que a levaron a perder peso relativo e a intensificar as diferenza existentes co resto da poboación do Estado, acentuándose o proceso de avellentamento que se estaba producindo en Europa. Deste xeito, segundo o mesmo informe da Eurostat, o desplome da poboación remóntase a 1.981, cando a autonomía rexistrou o seu máximo do padrón -2,912 millóns de persoas- e só logrou reverter a tendencia en exercicios excepcionais grazas á chegada de emigrantes nos anos previos á crise económica.
Desenvolvemento do programa
Elena Candia foi a primeira en intervir na xornada de hoxe. A continuación, na mesa “Unha mirada ás cidades do futuro”, participaron os alcaldes de Murcia e de Burgos, José Francisco Ballesta e Javier la Calle; así como os voceiros do PP nos concellos de Barcelona e de Sanlúcar de Barrameda, Alberto Fernández e Ana Mestre. Posteriomente, houbo dous comunicados: o primeiro, sobre “Xustiza de calidade e cercanía ao cidadán e ao territorio” a cargo do ministro de Xustiza, Rafael Catalá; e, o segundo, sobre “Cooperación y coordinación entre las administracións públicas” por parte da vicepresidenta do Goberno, Soraya Saenz de Santamaría. A clausura correu a cargo do presidente do PP de Aragón, Luis María Beamonte, e do presidente nacional do PP, Mariano Rajoy.
A 23 edición deste encontro deu comezo onte venres coa participaciòn do presidente nacional de Nuevas Generaciones, Diego Gago, así como coa concelleira do PP no concello de Zamora, Clara Isabel San Damián, que moderou a mesa “Dous anos da chegada de Podemos aos concellos”. Nela interviron: os voceiros do PP dos concellos de Madrid, Zaragoza e Cádiz, José Luis Martínez Almeida, Jorge Azcón e Ignacio Romaní; a concelleira do PP no concello de A Coruña, Begoña Freire; e o presidente do grupo popular do concello de Barcelona, Juan Fernández.
Na mesa “Fondos europeos, oportunidade de desenvolvemento y crecemento para as entidades locais”, interviron: o presidente da Deputación de Alicante, César Sánchez; e os alcalde de Badajoz, Almería e Palencia, Francisco Javier Fragoso, Ramón Fernández-Pacheco e Alfonso Polano. Seguidamente, interveu a secretaria xeral do PP, María Dolores de Cospedal.
Xa, pola tarde, na mesa “As entidades locais: garantía de cohesión de España”, interviron o presidente da Deputación de Segovia, Francisco Vázquez; os voceiros do PP nos concellos de Sevilla, Castelldefels, Barakaldo e Palma de Mallorca, Beltrán Pérez García, Manuel Reyez, Amaya Fernández e Margarita Durán.
A xornada do sábado rematou coa mesa “A xeneración dos bos xestores da administración local”. Nela participaron os alcaldes de León, Cáceres, Torrejón de Ardoz, Teruel e Puerto de la Cruz, Antonio Silván, Elena Nevado del Campo, Ignacio Vázquez, Emma Buj e Lope Domingo Afonso.
Ministros e outros cargos relevantes do PP nacional
Asimesmo, a modo de ponentes e moderadores tamén participaron outros cargos importantes a nivel institucional e político. É o caso do presidente provincial do PP de Zaragoza, Javier Campoy; a secretaria xeral do PP de Aragón, Mar Vaquero; o vicesecretario de Política Autonómica e Local, Javier Arenas; o coordinador xeral do PP, Fernando Martínez-Maíllo; a voceira do PP no concello de Zamora, Clara Isabel San Damián; a deputada no Parlamento Europeo, Rosa Estarás; o secretario de Estado de Orzamentos, Alberto Nadal; a alcaldesa de Logroño e vicepresidenta da FEMP, Cuca Gamarra; a ministra de Emprego e Seguridade Social, Fátima Báñez; o vicesecretario xeral de Política Social e Sectorial, Javier Maroto; o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro; o alcalde de Guadalajara e secretario executivo de Política Social, Antonio Román Jasanada; o secretario de Estado para as Administracións Territoriais, Roberto Bermúdez Castro; a vicesecretaria de Estudos e Programas, Andrea Levy; e o ministro de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, Álvaro Nadal.