Partido Popular de Lugo

O PP de Láncara considera “moi grave e decepcionante” que o Concello perdese o obradoiro de emprego porque o alcalde presentou mal e fóra de prazo a documentación

LÁNCARA, 6 de setembro de 2017.- O PP de Láncara considera “moi grave e decepcionante” que o Concello perdese o obradoiro de emprego, debido a que o alcalde presentou mal e fóra de prazo a documentación necesaria para concesión, “demostrando así, unha vez máis, a súa incompetencia”. Esta situación provoca, ademais, que os municipios de Baralla, Triacastela e As Nogais, perdesen tamén esta axuda, pois dito obradoiro, forma parte dun proxecto compartido con estes tres concellos, sendo o lancarés a entidade local promotora, tal e como estaba acordado e ratificado nas Xuntas de Goberno e Plenos dos respectivos concellos.

 

Así se reflicte na notificación oficial que a administración autonómica remitiu á entidade local, e na que se especifica que, unha vez observados, por parte da consellería de Economía, Emprego e Industria, defectos na documentación aportada polo socialista, e, posteriormente, notificárselle a necesidade de subsanar o erro, o rexedor “non foi quen de presentala en tempo e forma”, a diferenza do resto dos alcaldes, que si presentaron en tempo e forma a documentación, delegando en Láncara a promoción do obradoiro. Esta circunstancia provocou necesariamente que o departamento autonómico, en cumprimento das bases que rexen o proceso, se vise na obriga de denegar o seu outorgamento.

 

Por este motivo, Santiago Cubillas, considera que Darío Piñeiro non só debe dar explicacións aos veciños de Láncara, senón que tamén debe facelo cos de Triacastela, Baralla e As Nogais, pois co seu mal facer prexudicounos directamente.

 

Deste xeito, censura que o socialista diga continuamente que a Xunta minte, sobre todo, porque el mesmo demostrou que “non é capaz de exercer a súa responsabilidade”, chegando incluso a “botar balóns fóra” cando foi interpelado pola xestión desta iniciativa. Foi o que aconteceu no Pleno celebrado o pasado mes de xullo. Nesa sesión, o grupo municipal do PP, co fin de saber se os lancareses ían dispor do obradoiro, interesouse por este asunto, pero, o socialista, para sorpresa dos populares,“intentou saír como puido, a sabendas de que xa sabía que fixera mal as cousas e alegando para elo que non tiña constancia da perda do mesmo”.

 

“Aquí non hai medias verdades, ou incluso mentiras, como a veces intenta dar a entender o Sr. Piñeiro. A realidade é a que é, e así llelo queremos trasladar aos cidadáns. Nin tan sequera se trata dun problema de cor política ou de quen goberne; trátase de que unha administración, neste caso a Xunta de Galicia, pon a disposición de Láncara e dos outros tres Concellos, unha oportunidade para mellorar distintos espazos do municipio e dar traballo a desempregados pero, o alcalde que temos, lonxe de intentar cumprir todos os trámites para que fose concedida, resulta que fixo mal os deberes”, afirma.

 

Explicacións públicas no Pleno de setembro

Deste xeito, ante o desinterese do rexedor, Cubillas agarda que, no Pleno deste mes, o responsable do Goberno local pida desculpas públicas pola súa “mala xestión, pois todos sabemos que os concellos pequenos fan unha parte das obras grazas a axudas coma estas e el mesmo é coñecedor de que a Xunta de Galicia é a administración que máis inviste en Láncara”, destaca.

 

Ante a advertencia de que Darío Piñeiro pretende recurrir a resolución, considera que “é o que debe facer e xa está tardando”, pero lanza a seguinte pregunta: “que seguridade temos de que o faga ben, se non foi capaz cando xa o tiña que haber feito antes?”.