TRABADA, 5 de setembro de 2017.- O PP de Trabada considera que a alcaldesa deste municipio debe pedir desculpas aos veciños por non presentar as alegacións ao plan de transporte no prazo administrativo establecido para tal fin. E é que, segundo destaca o voceiro do grupo municipal, José Manuel Yanes Ginzo, no caso de non estar conforme coas novas liñas, a súa responsabilidade, como integrante do Goberno local, era formalizaras modificacións que considerase convintes dende o 30 de maio ao 10 de xuño; período durante o cal os distintos concellos puideron acollerse a este dereito, pero que Trabada non fixo.
Trátase, por tanto, dun proceder “que deixa, cando menos, moito que desexar” pois, tal e como precisa Ginzo, a rexedora ao non manifestar ningunha proposta de mellora neste proceso, recoñeceu a súa conformidade co proxecto. “Se estaba en contra, tivo a oportunidade para facelo constar, pero a realidade é que non o fixo”, insiste.
“Máis humildade política”
Por este motivo, o grupo municipal do PP considera que a socialista debería de ter “máis humildade política”, xa que, por outra banda, unha vez que “se descobriu a súa vaguedade” amosou un “descaro sen precedentes para intentar xustificar algo que é inaceptable”. Ela sabia que a elaboración do cuestionario de necesidades remitido ao inicio do proceso de revisión do mapa de transporte non é suficiente se despois, unha vez que se deseñan as liñas, dende os concellos non alegan propoñendo as modificacións oportunas, como aconteceu neste caso.
E é que, se a responsable municipal presentase as alegacións, “posiblemente estas serían tidas en conta, abríndose así a posibilidade de mellorar a situación actual, e realmente demostraría que si pensa no interese global dos veciños”, como así o fixeron, indica, outros concellos e, incluso outros compañeiros de Partido, como os rexedores de Alfoz ou O Valadouro.
“A administración que máis inviste en Trabada”
Por outra banda, o voceiro do PP tamén quere deixar claro en poñer en valor que a Xunta de Galicia é “a administración que máis inviste en Trabada”. Proba delo, é que dende o pasado ano destinou 2 millóns de euros a a impulsar a economía e mellorar as dotacións no municipio, tanto mediante servizos de xestión propia como a través de subvencións ao concello ou axudas a particulares, como é o caso dos titulares de explotacións agrarias.