Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial do PP denuncia que a Deputación non levara a cabo as melloras nas rutas fluviais da Ribeira Sacra pese a telo aprobado no Pleno hai máis dun ano e medio

Lugo, 5 de setembro de 2017.- O Grupo Provincial do PP denuncia que a Deputación de Lugo non levara a cabo aínda as melloras nas rutas fluviais da Ribeira Sacra pese a telas aprobadas no Pleno hai máis dun ano e medio a proposta dos populares. O organismo provincial é o encargado de xestionar as rutas fluviais en catamarán ao longo dos ríos Miño e Sil, polo que o PP presentou estas reclamacións atendendo ás denuncias que tiñan trasladado usuarios, veciños e entidades locais e administrativas.

 

O Grupo Provincial do PP conseguiu o apoio da Corporación xa en marzo de 2016 para corrixir as deficiencias na xestión das rutas fluviais en catamarán para que o servizo sexa prestado cunha calidade axeitada, pero a día de hoxe, un ano e medio despois, nada se soubo desas melloras. Desde o PP lamentan que onte o deputado de Turismo, Eduardo Vidal, sacase peito coas melloras levadas a cabo nas rutas, cando a maior parte das comprometidas están sen realizar. Os populares valoran o incremento no número de turistas que, aseguran, podería ter sido maior se a Deputación executara os compromisos adquiridos.

 

 

 

 

Compromisos incumpridos

En concreto, a Deputación comprometeu o restablecemento da ruta suspendida Peares-Maiorga, pero máis dun ano despois esta ruta non se está a realizar.

 

Tamén se aprobou a ampliación de horarios durante a temporada de inverno da ruta Belesar pobo-Área recreativa de Maiorga-Belesar pobo, dando servizo de mércores a domingo inclusive, do mesmo xeito que se está a facer a ruta Doade-Santa Cristina-Doade. Un ano despois, tampouco este compromiso se levou a cabo por parte da Deputación de Lugo.

 

O mesmo acontece coa ampliación da tempada de verán ata o 31 de outubro, que pese a ser aprobado, non só non se cumpriu senón que a tempada se viu reducida, posto que agora non comezan a funcionar os catamaráns ata o día 1 de abril cando antes o facían durante todo o ano.

 

Outras melloras necesarias

Os populares pídenlle á Deputación que cumpra os acordos do Pleno e invítana ademais a acometer outras melloras que o PP iniciou no seu mandato e que, coa chegada ao Goberno de Darío Campos, se viron paralizadas. É o caso, por exemplo, das audioguías, que seguen sen estar en servizo. Tanto é así que as alocucións das guías se revisaron e traduciron a tres idiomas, pero nunca chegaron aos barcos. O mesmo aconteceu cos paneis informativos, que non se chegaron a colocar, salvo un que se puxo en Doade.