Partido Popular de Lugo

O PP da zona Sur pide ás forzas políticas e sindicais “responsabilidade” e que “abandonen a demagoxia”, pois coa xestión do PP, o hospital medrou en servizos e se verá reforzado outra vez coa nova norma

MONFORTE, 1 de setembro de 2017.- A presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, acompañada de alcaldes e voceiros do Partido na Zona Sur e, por tanto, dependentes do Hospital de Monforte, lamentou este venres que os cidadáns desta comarca estean a ser vítimas da irresponsabilidade do alcalde da localidade, dos partidos da oposición e dos sindicatos, que están a xerar unha mensaxe de alarma coa nova Lei de Sanidade, sabedores de que, coa xestión do PP, o hospital medra en servizos e se verá reforzado outra vez con dita normativa.

 

As “falsas” afirmacións e “inxustificadas” manifestacións realizadas en días pasados por políticos e forzas sindicais obrigaron a que, Elena Candia e os representantes do Partido nesta zona, comparecesen esta mañá diante do propio centro para explicar as modificacións da nova medida lexislativa e trasladar, en consecuencia, “unha mensaxe conxunta de sosego e tranquilidade á cidadanía”. Deste xeito, manifestou e reiterou o compromiso absoluto do Partido Popular con esta infraestrutura sanitaria, e emprazou ás forzas políticas e sindicais a “abandonar a irresponsabilidade e demagoxia, pois cómpre destacar que aínda non se iniciou o trámite de modificación lexislativa”.

 

“Está colgado o texto íntegro no Portal de Transparencia da Xunta de Galicia para que todo o mundo o poida consultar e para que políticos e quen o vexa oportuno participe activamente. É neste seno onde hai que facer as propostas porque, de feito, existe total receptividade por parte da consellería”. E é que o proxecto xa foi comunicado aos sindicatos o mesmo día que se publicaba no portal de transparencia, ampliándose o prazo para a presentación de suxestións. Houbo reunións cos colexios profesionais, cos alcaldes e portavoces municipais. Asemade, coa nova lei, nos consellos estarán representados os concellos, sindicatos e organizacións empresariais e tamén os pacientes.

“Son benvidas todas as achegas que contribúan a mellorar a sanidade, pero totalmente censurable o seu uso cun afán partidistas. Queren facer ruído, manifestacións, non lles importa a lei, pretenden confundir e enganar a cidadanía”, destacou.

 

Esforzo inversor da Xunta

Diante as últimas afirmacións e manifestacións lideradas polo alcalde e a plataforma sanitaria, considerou que “debíamos de falar alto e claro e dicirlles que o que intentan é confundir con medias verdades”. “Xa o fixeron en 2011, cando dicían que este hospital se ía pechar e cos datos facilitados recentemente quedou clara a súa mentira”. E é que, ademais desta cuestión, existe un claro esforzo inversor por parte da Xunta con ese centro sanitario. Proba disto, e tal e como destacou Elena Candia, é que, dende o ano 21012, o investimento na mellora da calidade asistencial deste hospital superou o millón de euros e máis de 10.000 consultas foron prestadas en Monforte por facultativos do HULA para mellora a calidade de vida, evitando así o desprazamento dos monfortinos.

 

Elena Candia tampouco dubidou en amosar o seu pleno convencemento de que, fronte a outros que queren enganar, “os veciños cren en nós”. “Así o demostraron nos resultados das últimas eleccións autonómicas, demostrando desta maneira que a palabra dada polo goberno tanto por parte do Presidente da Xunta, como por pare da consellería, é unha realidade e hoxe este hospital dispón de máis servizos e presta unha mellor calidade asistencial”.

 

En nós atoparán un garante e un colaborador claro”

Finalmente, a presidenta provincial amosou que o PP seguirá traballando na senda do progreso e da mellora das Sanidade. Neste senso, dirixiuse aos cidadáns, apuntando que os alcaldes, voceiros e tamén ela mesma, dende a posición orgánica que ocupa, “o que buscamos é mellorar este hospital e nunca, por suposto, permitiriamos un paso atrás. En nós atoparán un garante e un colaborador claro neste obxectivo, pois seriamos os primeiros que non permitiriamos outra cousa. Por iso, tamén queremos trasladar todo o noso apoio ao conselleiro quen só busca mellorar a calidade asistencial deste hospital”.

 

Non se perde autonomía, nin capacidade de decisión, nin se recortan ningún servizo

Dado que os feitos son os que serven, os populares puxeron en valor as garantías que ofrece a nova Lei, tanto na calidade asistencial como no mantemento das instalacións e servizos. É é que a xestión integrada das áreas sanitarias de Lugo, lonxe de supoñer unha perda de servizos, permitiu que os hospitais comarcais saíran reforzados. Concretamente, este modelo permitiu nos últimos anos que se realizara o tratamento dos doentes no hospital da cidade do Cabe no canto de ser trasladados ao centro hospitalario lucense. Polo tanto, situarse en contra do modelo que regula os distritos sanitarios supón dicirlles non aos enfermos que son atendidos en Monforte e provocar o seu traslado ao hospital de Lugo.

 

Outro dos beneficios que inclúe está reforma é que permite consolidar o actual modelo de xestión integrada e facer que no ámbito sanitario a xestión funcione coordinada entre os tres distritos da provincia, compartindo recursos e servizos. Por lei, esta reforma lonxe de debilitar os hospitais comarcais permitirá seguir ampliando a oferta de recursos asistenciais. Así, o de Monforte será o hospital de referencia na comarca de Lemos, dende o que se coordinarán todos os centros de saúde, o propio hospital e a atención sociosanitaria .

 

E é que, como xa é sabido, e como explicaron recentemente dende a Xunta de Galicia, a través do seu delegado territorial, esta reforma crea os distritos sanitarios; unha nova figura legal que ofrece á comarca un renovado peso específico dentro da propia organización sanitaria. Deste xeito, a incorporación do de Monforte, xunto aos de Burela e Lugo, conformarán a nova área sanitaria lucense. Son, polo tanto, novos servizos, que se gañarán en positivo, pois tampouco haberá cambios para os cidadáns nin de médicos nin de hospital e os profesionais tampouco verán alterado o sistema de contratación temporal.