Partido Popular de Lugo

O GMP: “Burela Bonita, máis exposta aos incendios forestais por culpa dun alcalde vago”

BURELA, 1 de setembro de 2017.- O Grupo Municipal Popular (GMP) de Burela xa advertiu no seu día que Burela podía quedar sen brigada contraincendios pola “lacazanería” do alcalde á hora de poñer en marcha este dispositivo que tería como finalidade loitar contra os incendios forestais, facer prevención desbrozando superficies susceptibles de queimárense, e a creación de cinco postos de traballo durante tres meses.

 

Diante esta situación, os populares critican que o alcalde “-Mister-non-teño-a-culpa-de-nada-”, apuntase nalgún medio informativo que a entidade local non ten ningunha responsabilidade respecto deste asunto, ao non presentarse xente para ocupar a praza que faltaba por cubrir. Con esta desculpa, o rexedor desvinculouse totalmente da súa obriga; o que provocou que, no día de onte, anunciase publicamente a renuncia da subvención.

 

Deste xeito, dende o grupo municipal consideran esta xustificación, así como dicir que xa falara con empresas, son “excusas de mal pagador”, e que poñen de relevo, coma sempre, que o responsable local nunca sume ningunha responsabilidade. É e que declinar esta axuda, supón, segundo subraian os populares, “expoñer a Burela, a Burela Bonita, aos seus veciños e ás súas propiedades aos incendios forestais, non facer labor preventiva e esquecerse dos cinco postos de traballo, dos que catro xa estaban seleccionados”.

 

A primeira vez que Burela queda sen este servizo

Coa decisión do alcalde, é a primeira vez, dende que se puxeron en marcha as brigadas contraincendios, que Burela queda sen este servicio tan importante e fundamental para a seguridade de persoas e bens. Por este motivo, os populares lamentan “a deixación de funcións do Sr. Llano”, pois “si que había solución e, polo tanto, si que recae toda a culpa no alcalde por non estar ao que hai que estar”. Precisamente, esta solución pasaba por arbitrar a fórmula de externalizar o servizo, pois, hoxe en día, hai empresas que se adican a estas prestacións. Tal é asi que houbo algún concello en Galicia que, ante unha situación semellante, optou por esa vía antes de quedarse sen a brigada contraincendios á primeira de cambio. “O que ten que primar é a seguridade e non os vaivéns festeiros do alcalde. Se á primeira convocatoria non atopou persoal, non debería ter agardado”, insisten.

 

Un alcalde cobarde, pouco traballador, festeiro e pouco eficaz”

Finalmente, consideran que “o rexedor é tan cobarde que ocultou a situación ata que o PP a destapou”, e advirten que “se tiveramos un alcalde traballador, menos festeiro pero máis eficaz”, seguro que isto non tería pasado. “A este alcalde, a seguridade dos veciños e dos seus bens non lle importan en absoluto. Outra cousa non se pode agardar dun comportamento politicamente irresponsable”, conclúen.