Partido Popular de Lugo

Daniel Vega: “Mentres a Xunta do PP realiza as obras no Hospital da Costa o PSOE e o BNG terman da pancarta”

Burela, 31 de agosto de 2017.- O secretario de Organización do PP de Lugo e deputado autonómico, Daniel Vega, asegurou esta mañá que unha imaxe vale máis que mil palabras, así, “mentres a Xunta gobernada polo PP realiza as obras do Hospital da Costa, ás que destina un investimento de 20 millóns euros, o PSOE e o BNG terman da pancarta”.

 

O popular amosa a súa sorpresa porque os alcaldes socialistas estean todos tras as pancartas nas imaxes que hoxe publican os medios de comunicación, mentres que cando os chaman desde o Goberno galego para que o equipo directivo do Sergas lles explique a nova lei de Saúde Pública non acoden.

 

Daniel Vega afirma que, como xa se demostrou en ocasións anteriores, “o que menos lles importa e preocupa é a Lei, nin o Hospital da Costa, o que queren é unicamente facer ruído e manifestacións coas que pretenden confundir e enganar aos veciños e veciñas”.

 

Non teñen credibilidade

Coa reforma, insistiu o popular, “non se perde autonomía nin capacidade de decisión, nin tampouco se recorta ningún servizo, senón todo o contrario. O que deberan explicar é por qué en 2013 se manifestaron en contra das áreas sanitarias e agora saen na súa defensa. Non lles queda ningunha credibilidade, vese que o único que pretenden e ir contra un Goberno que aposta de xeito claro e decidido pola sanidade pública”, sostén.

 

Desde o PP saen ao paso das acusacións vertidas desde a plataforma sanitaria e precisan que “non se pode falar de recortes cando hai máis servizos no hospital, como os de oncoloxía ou a hospitalización a domicilio”. “Tampouco se pode dicir que se perden consultas cando son os facultativos do HULA os que se desprazan a Burela e entre os anos 2012 e 2016 atenderon máis de 8.500 consultas, evitando así o desprazamento dos doentes.

 

“Son datos que non poden desmentir por moito que se empeñen e ademais os veciños e veciñas da Mariña saben que reciben a mellor atención hospitalaria, polo que tanto os partidos da esquerda como a plataforma deberan desistir no seu empeño por desprestixiar a un hospital no que medran os servizos asistenciais”.

 

O secretario de Organización do PP en Lugo remarca o contraste entre a foto dos socialistas e nacionalistas falando do desmantelamento do Hospital cando xusto ao seu carón se poden ver como marchan a bo ritmo as obras de ampliación do Hospital. “Lamentamos que tanto o portavoz do PSdeG no Parlamento como o presidente da Deputación formen parte deste esperpento cando saben que a nova Lei non só traerá vantaxes para a veciñanza e os doentes, senón tamén para o conxunto do persoal sanitario”.