A Fonsagrada, 28 de agosto de 2017.- O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular da Fonsagrada, Tobías Martínez, denuncia que o alcalde, o socialista, Argelio Fernández, non contratase ao persoal que conformaría a brigada municipal contra incendios. Deste xeito, Martínez lamenta que o socialista non cumprise co convenio asinado coa Xunta de Galicia e renunciase á posibilidade que lle ofrecía o Goberno galego á administración local de dotarse de persoal que colaboraría na defensa contra os incendios forestais.
Tobías Martínez precisa que o prazo máximo para realizar estas contratacións finalizou o 31 de xullo, porén a Xunta de Galicia deu certa marxe e autorizou contratacións ata principios do mes de agosto. “A realidade é que o alcalde a día de hoxe desbotou esta posibilidade de que a Fonsagrada contase cunha brigada na época de alto risco de lumes”, lamenta.
Dende o Grupo Municipal do Partido Popular precisan que esta situación “só pode derivarse da desidia e despreocupación do alcalde xa que estamos a falar dun servizo de especial necesidade no noso Concello”. Para os populares é “totalmente reprobable a actitude e a xestión tanto do rexedor como do seu equipo de Goberno que deben das explicacións dos motivos que os levaron a privar á Fonsagrada deste servizo”.
Renuncia ao mantemento da motobomba municipal
Tobías Martínez explica que a Xunta de Galicia ofreceu á Fonsagrada a posibilidade de asinar un convenio de colaboración en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais. Ademais de ter a finalidade de contratar persoal para a creación das brigadas, este convenio tamén inclúe unha axuda da Xunta de Galicia para o mantemento da motobomba municipal, co obxecto de cubrir as necesidades económicas que estes vehículos precisan dende primeiros de xullo ata o remate da primeira quincena de outubro. Os populares censuran que o alcalde tamén renunciase ao mantemento da motobomba que “non está a dirixirse a actuar na loita contra os incendios”.
Polo tanto, o Concello da Fonsagrada “nin contratou ás cinco persoas que realizarían labores de prevención de incendios, nin está a realizar as labores de mantemento da motobomba concedidas pola Xunta de Galicia, xogando coa seguridade dos veciños, limitando os servizos na loita contra os incendios forestais e privando aos fonsagradinos de ata cinco postos de traballo”, critican dende o Partido Popular.
Ademais, Tobías Martínez lembra tamén que “foi a nefasta xestión do alcalde a que ten provocado que o municipio quede sen o Grupo de Emerxencia Supramunicipais, renunciado incluso a que o GES tivese sede na Fonsagrada”.
O Grupo Municipal do Partido Popular non entende a motivación que leva a un alcalde a renunciar a uns servizos “necesarios e de gran importancia” para a localidade, polo que consideran que o alcalde “debería dar as explicacións oportunas ao respecto”. Para os populares esta situación “é o resultado da falta de xestión do alcalde e da súa despreocupación ante os asuntos que máis interesan os veciños. Un rexedor non se pode centrar nun mesmo e renunciar ás axudas que está a posibilitar o Goberno galego en materia de prevención de incendios forestais”.