Partido Popular de Lugo

O Grupo Municipal do PP asegura que Burela está sen brigada contraincendios

Burela, a 26 de agosto de 2017.- O Grupo Municipal Popular (GMP) do Concello de Burela considera que “o alcalde é un perfecto irresponsable político dado que a día de hoxe a brigada contraincendios non está operativa, coa conseguinte falla de seguridade e incremento de risco en caso de incendio no noso termo municipal para as persoas e as propiedades, así como ausencia dos desbroces que a brigada debe facer no caso de non ter que intervir en labores de extinción de lumes”.

 

Os populares aseguran que “o alcalde tivo tempo suficiente para proceder a facer a selección de persoal. Se a día de hoxe falta unha persoa, desde que se soubo que había fondos para a brigada contraincendios houbo tempo sobrado para habilitar fórmulas, que as hai e varias, e que xa se usaron no pasado, que permitiran ter a brigada operativa o día 31 do mes de xullo, tal e como indica o convenio. Pero a lacazanería do alcalde estanos levando a estirar o prazo hasta o 31 de agosto, co risco derivado de perder a subvención e o que é peor, rebaixar considerablemente a seguridade en caso de incendio e deixar de crear cinco postos de traballo”.

 

“Como é lóxico, din os edís populares, as brigadas contraincendios teñen que estar operativas na época do ano de maior risco de incendio, e non cando lle veña ben ó alcalde. Ademais, estamos a falar de fondos económicos finalistas e que deben xustificarse en tempo e forma”.

 

Desde o GMP afirman que “todo isto non é ficción, é realidade porque a única política que lle interesa ó alcalde e ó seu grupo é a política festiva: mentres haxa festa, o demais sobra, e así as cousas non funcionan. Por iso, porque non se traballa, estamos a día de hoxe sen brigada contraincendios”.

 

Finalmente, os populares consideran que “dado que hai persoas seleccionadas, de non facer operativa a brigada contraincendios, estas persoas poderían demandar ó Concello por considerar lesionados os seus dereitos”.