Partido Popular de Lugo

Daniel Vega denuncia a hipocrisía da plataforma sanitaria da Mariña ao pretender de novo enganar aos cidadáns mentres o Hospital da Costa gaña en servizos asistenciais

A Mariña, 26 de agosto de 2017.- O secretario de Organización do PP de Lugo e deputado autonómico, Daniel Vega, denuncia a hipocrisía da plataforma sanitaria da Mariña ao pretender de novo, como xa fixeron no pasado, enganar aos cidadáns mentres o Hospital da Costa, ao igual que os demais da provincia, gañan en servizos asistenciais.

 

O popular lamenta que “unha vez máis” desde a plataforma non rendan servizo ao hospital nin ao seu bo funcionamento senón que sexan a voz encuberta dos partidos da esquerda na Mariña. Así, desde o PP convidan aos cidadáns a botar man da hemeroteca e recordar cando se manifestaban baixo o argumento “falso e interesado” de que o Hospital da Costa se ía converter nun centro de saúde”. “Incluso tiveron a pouca vergoña de dicir que ía pechar e hoxe conta con máis e mellores servizos avanzando cada día na atención que se lle da aos doentes”, precisa Vega.

 

O secretario de Organización dos populares lucenses defende a reforma da Lei de Saúde en tanto en canto o poder de decisión e execución vai residir no hospital e na súa xerencia. “Non entendemos por qué insisten nas súas falacias cando precisamente co bipartito o Hospital dependía de Santiago e agora quéixanse porque teña autonomía e capacidade de xestión e decisión”, sinala o deputado autonómico.

 

A plataforma segue a enganar

Daniel Vega reafirma o compromiso da Xunta e do Goberno do PP coa sanidade pública, un feito “claramente acreditado no DOG”, cun investimento de 20 millóns de euros para a ampliación do Hospital. Así, o popular convida a todos os veciños e veciñas a coñecer e ser partícipes desa realidade para poder xulgar con rigor e non como está a facer a plataforma sanitaria, máis preocupada de facer política coa sanidade, de enganar e enmascarar a realidade para renderlle pleitesía aos partidos da esquerda.

 

Desde o PP censuran ademais a dobre vara de medir e a actitude incongruente que están levando a cabo os partidos que se opoñen á nova normativa, posto que o presidente da mancomunidade e alcalde de Burela nin tan sequera participou na reunión na que a Consellería de Sanidade deu conta da Lei de Saúde Pública.

 

“Dáse a casualidade de que sempre os atopamos cando hai que criticar o traballo que se está a facer, incluso defenden agora unha área sanitaria cando no pasado se manifestaron na súa contra. Esta é a triste realidade dunha plataforma e uns partidos faltos de credibilidade cos que non se pode contar para que o hospital siga avanzando”.

 

Por todo o anterior, Daniel Vega critica a actuación da plataforma “que pretende tan só enganar e que nin tan sequera ten dado conta dos colectivos que a integran, o que nos fai desconfiar das súas intencións e do seu cometido real”.