Partido Popular de Lugo

O Grupo Municipal do PP de Burela considera “unha covardía e unha irresponsabilidade política que o alcalde non asistise á reunión en Santiago sobre a Lei de Saúde”

Burela, a 25 de agosto de 2017.- O Grupo Municipal Popular (GMP) do Concello de Burela asegurou que “o alcalde do noso Concello non é digno de estar no cargo logo de que onte, xoves, non acudise á unha xuntanza de alcaldes da Mariña convocada pola Consellería de Sanidade para tratar a modificación da Lei de Saúde de Galicia”.

 

Os edís do PP indican que “o alcalde, tamén presidente da Mancomunidade, manifestou nos medios de comunicación a semana pasada que a Xunta tiña que contar cos alcaldes para facer as modificacións que pretende facer atendendo ao marco competencial que ten o Goberno autonómico. Pois ben, cando foi oficialmente convocado en tempo e forma, non asistiu, o que demostra unha ausencia total de responsabilidade política e un desprezo aos cidadáns de Burela e da comarca. Non caben desculpas, o alcalde do Concello onde está o hospital comarcal e que tamén é presidente da Mancomunidade tiña que estar na reunión en Santiago; ningunha outra reunión tería maior importancia”.

 

Desde o GMP consideran que “a postura do alcalde, saíndo nos medios pero non dando a cara onde a hai que dar, é sinónimo de covardía e irresponsabilidade, pero tamén demostra a bipolaridade política deste home, que hoxe di unha cousa e mañá compórtase totalmente ó revés. Ademais, non deixa de ser chocante que esta persoa lle pida diálogo á Xunta cando el con foi capaz de chegar a acordos cos de ‘Oriente’ polo pintado de Arcadio Pardiñas”.

 

Os populares consideran que “este home dixo no seu día que o hospital se ía desmantelar, despois negou que se fose ampliar; pois ben, se o que dixo durante anos sobre o hospital se demostrou que non era crible, agora todo o que diga será menos crible aínda, porque hai que ter a valentía suficiente para acudir a onde sexa para defender o que haxa que defender”.

 

“Por iso, porque nin tan sequera é capaz de defender o que di, desde o GMP de Burela, a partires de agora, dicimos que o alcalde non nos representa, nin a nós, nin aos veciños de Burela, e polo tanto todo o que diga debe ser tomado coma un xesto para ocupar espazo nos medios informativos”, indican desde o GMP burelés, que remata pedíndolle ao alcalde que reflexione: “para actuar así, mellor váiase para a casa”.