Partido Popular de Lugo

O PP de Lugo agradece as explicacións do conselleiro de Sanidade nas que se reafirma que os novos distritos blindan a continuidade dos hospitais comarcais

Lugo, 24 de agosto de 2017.- O PP de Lugo agradece as explicacións do conselleiro de Sanidade nas que se reafirma que os novos distritos incluídos no anteproxecto da Lei de Saúde Pública blindan a continuidade dos hospitais comarcais.

 

Así, os populares da zona centro, da Mariña e da zona sur amosan a súa satisfacción pola reunión convocada hoxe en Santiago polo conselleiro de Sanidade e lamentan as voces críticas daqueles partidos que só pretenden confundir á cidadanía lanzando mensaxes alarmistas “que nada teñen que ver coa realidade”.

 

De novo hoxe púxose de manifesto por parte da Consellería que os novos distritos quedarán constituídos como “marco de referencia” das actividades da súa área actual. Deste xeito, o anteproxecto de Lei que modifica a organización territorial sanitaria en Galicia blinda tanto a existencia como a estrutura dos hospitais comarcais.

 

En concreto, os distritos constituiranse “expresamente como marco de referencia" das actividades de Atención Primaria, hospitalaria e sociosanitaria que se establecerán na área actualmente en vigor.

 

Ningunha modificación para os doentes

A reunión celebrada hoxe en Santiago cos alcaldes e portavoces dos partidos políticos con representación municipal forma parte do conxunto de encontros que a Consellería está a manter cos representantes dos Colexios Profesionais de Médicos, Farmacéuticos, Enfermeiría, Odontólogos, e Fisioterapeutas, entre outros profesionais relacionados con esta área.

 

Desde o PP de Lugo agradecen o esforzo da Consellería por facilitar o consenso e a participación na elaboración desta nova normativa que trae consigo unicamente modificacións administrativas, sen ningún tipo de afectación para os doentes.

 

Coa xestión do PP, defenden, os hospitais da provincia seguirán medrando en servizos e veranse reforzados de novo coa nova Lei. O Partido Popular remarca que “estará sempre en calquera acción que estea encamiñada a acadar beneficios no eido sanitario e dirixida á defensa de lograr unha mellor utilización dos recursos humanos e sanitarios mellorando sempre a atención ao paciente e logrando que esta sexa máis eficiente”. Porén, engaden “ imos rexeitar calquera tipo de acto que só busque o xogo político e non se centre no realmente importante, que son os nosos veciños e veciñas”.