LUGO, 17 de agosto de 2017.- O Partido Popular de Lugo reproba que dende o PSOE busquen “de novo” xerar “alarma e medo” entre os veciños e veciñas da Mariña no ámbito sanitario “sen ter unha xustificación que motive esta actitude irresponsable por parte dos socialistas”. En concreto a presidenta dos populares na provincia, Elena Candia, censura que dende o PSOE “volvan ás andadas e intenten infundir medo sen fundamento nun ámbito de especial sensibilidade como é o sanitario”.
A responsable do PP lucense fai estas declaracións tralas opinións feitas polo alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, en relación ao anteproxecto da Lei da Saúde. Elena Candia lamenta que a actitude dos socialistas “se repita de novo” co único afán de “empregar a sanidade pública como unha arma de loita política, coa que obter beneficios partidistas, actuando de xeito imprudente sen existir razóns que xustifiquen a alarma que están a intentar xerar unha vez máis”.
Dende o Partido Popular analizan que os datos “clarifican a realidade e demostran o compromiso claro que o Goberno galego ten tanto coa sanidade na provincia, como dun xeito concreto, coa da Mariña”. Elena Candia precisa que as accións que se promoveron durante estes anos en materia de sanidade hospitalaria “foron todo o contrario do que nos acusaban os socialistas, pois o Hospital comarcal da Costa gañou en servizos, como os de hospitalización a domicilio ou a sala de tratamento a enfermos de cancro”.
De feito, os populares afirman que os feitos “poñen en dúbida a credibilidade do rexedor de Burela”, quen en varias ocasións “asegurou que a Xunta de Galicia pecharía o Hospital da Costa, cando hoxe calquera veciño pode apreciar que non só non cerrou, senón que está en plena ampliación, aumentando ata nun terzo a súa superficie actual”. Así, a presidenta provincial pon de manifesto que “o PP foi o único que se preocupou e loitou pola sanidade pública na comarca, mentres que a oposición, tal e como demostra Alfredo Llano, tan só se dedicou a desprestixiala”.
Por último, Elena Candia precisou que o Partido Popular “estará sempre en calquera acción que estea encamiñada a acadar beneficios no eido sanitario e dirixida á defensa de lograr unha mellor utilización dos recursos humanos e sanitarios mellorando sempre a atención ao paciente e logrando que esta sexa máis eficiente”. Porén, engade a dirixente popular “rexeitamos calquera tipo de acto que só busque o xogo político e non se centre no realmente importante, que son os nosos veciños e veciñas”.